A Laracha solicita a participación en programas de promoción do emprego
No Concello da Laracha celebrouse hoxe unha sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local na que se acordou solicitar a participación en senllos programas de promoción e fomento do emprego promovidos pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña.
Por unha parte, presentouse unha solicitude ao abeiro da convocatoria da Consellería de Traballo e Benestar (DOG número 104 do 3 de xuño) para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de Risga. O goberno local pretende formar un grupo de peóns para o desenvolvemento de traballos relacionados co mantemento en bo estado dos entornos naturais e a conservación da riqueza medioambiental.
Por outro lado, tamén se propón participar no programa de contratación de cuadrillas de obras e servizos municipais convocado pola Deputación Provincial da Coruña (BOP número 109 do 10 de xuño). Neste caso poderían beneficiarse en exclusiva persoas que se atopan en situación de desemprego e inscritas no INEM como demandantes dun posto de traballo.
No caso de que a Deputación Provincial da Coruña e a Consellería de Traballo e Benestar resolvan favorablemente a inclusión da Laracha nestes programas, o Concello iniciaría a continuación o procedemento para a contratación do persoal entre as persoas que cumpran as características requiridas.
Festas de Interese Turístico
Tamén se solicitará participar na convocatoria de axudas da Axencia Galega de Turismo para o apoio e promoción das festas declaradas de interese turístico de Galicia (DOG número 94 do 19 de maio).
O Concello da Laracha propón cofinanciar con cargo a este programa de subvencións a realización e posta en marcha de accións divulgativas e promocionais sobre as dúas celebracións que contan con este recoñecemento: a Romaría dos Milagres de Caión (8 de setembro) e a Feira das Cereixas de Paiosaco (primeiro domingo de xullo, neste ano o día 6).
O goberno local entende a promoción do turismo e das festas do noso municipio como un importante factor para favorecer o crecemento económico e a posta en valor dos nosos recursos e patrimonio cultural, histórico e social.
Equipamento biblioteca
Na planta baixa do edificio da biblioteca municipal da Laracha existe unha ampla sala que é empregada para o desenvolvemento de moi diversas actividades: exposicións, contacontos, teatro infantil, xornadas de baile da terceira idade, accións culturais e mesmo disciplinas deportivas como aeróbic.
O goberno local ten proxectada unha mellora do equipamento deste recinto, e para o seu cofinanciamento solicitará a axuda económica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ao abeiro da convocatoria de subvencións para este tipo de accións publicada no DOG número 101 do 28 de maio.
Viaqua
A empresa Viaqua, Gestión Integral de Aguas de Galicia é a concesionaria da prestación dos servizos de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración no Concello da Laracha.
A finais do presente mes de xuño vencerá dito contrato, estando actualmente o goberno local redactando os novos pregos de condicións que rexerán o próximo expediente de contratación.
Polo acordo da Xunta de Goberno Local aprobado hoxe, ao tratarse dun servizo esencial para a poboación, instarase ao actual contratista para que continúe prestando o servizo nas mesmas condicións que as actuais ata que se formalice o seguinte contrato.
Este asunto fora sometido o pasado venres a ditame da Comisión Informativa de Réxime Interior, Persoal, Medio Ambiente, Servizos Municipais e Outros Asuntos do Pleno.
Facturas
Aprobáronse facturas de gastos por un importe total de 77.000 euros, entre as que cabe salientar a liquidación do primeiro trimestre do servizo de abastecemento, saneamento e depuración de auga prestado por Viaqua, o tratamento dos residuos sólidos urbanos na central de Sogama durante o último mes e achega municipal correspondente á prestación do servizo de axuda no fogar nese mesmo período.
Licencias urbanísticas
Salientar, por último, que foron concedidas cinco licencias de obras, sendo unha delas para a construción dunha nova vivenda unifamiliar.











