A Laracha inaugura en xullo a exposición “Influír no global desde o local”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organizan a exposición titulada Influír no global desde o local: As entidades locais galegas perante un mundo desigual e inxusto, que se inaugurará o martes da próxima semana (día 1 de xullo) no edificio de servizos múltiples da capital municipal.

A mostra pon de relevo o papel dos Concellos e as Deputacións como axentes activos na cooperación internacional para o desenvolvemento. Preténdese achegar á cidadanía aos problemas dos países do sur, o sistema de cooperación internacional e o papel que dentro do mesmo poden desenvolver as entidades locais galegas.

Os doce paneis que forman a exposición amosan os desequilibrios entre os países do norte e do sur; o por que, para que e como da cooperación internacional para o desenvolvemento e, concretamente, da cooperación realizada desde as Administracións locais, as características fundamentais da cooperación local galega e o labor do  Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Trátase, pois, de contribuír a que a veciñanza sexa máis consciente da realidade internacional e dalgúns dos seus problemas fundamentais, chamando a atención sobre a intensa relación global-local e a conseguinte necesidade de que as entidades locais galegas teñan voz propia no mundo.

A exposición Influír no global desde o local: As entidades locais galegas perante un mundo desigual e inxusto poderase visitar gratuitamente ata o 31 de xullo. Os martes abrirá en horario vespertino (de 15.30 a 20.00 horas) e de mércores a domingo, tanto pola mañá (de 11.00 a 13.00 horas) como pola tarde (de 15.30 a 20.00 horas).

26 de xuño de 2014 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.