A III Festa Gastronómica do Mexillón abre as festas de San Xoán en Nigrán
A III Festa Gastronómica do Mexillón, organizada polo Concello de Nigrán en colaboración coa Comisión de Festas de Panxón, dará o vindeiro domingo o pistoletazo de saída ás tradicionais festas desta parroquia mariñeira. Na súa terceira edición, a festa gastronómica que se instalará o domingo 22 desde as 11.00 horas na contorna da lonxa de Panxón, repartirá máis de 700 quilos deste bivalvo, pan veu e outros produtos típicos da gastronomía das Rías Baixas, e estará amenizada polo grupo Arco de Luada.
As festas prolongaranse até o xoves 26 de xuño, cinco días nos que locais e visitantes poderán gozar de atraccións e postos, baile e música tradicional, así como das tradicionais fogueiras de San Juan, na noite do domingo, e a gran tirada de fogos artificiais que terá lugar na noite do mércores. O día do neno despedirá esta edición das festas de Panxón, na que todos os postos do paseo ofertarán os seus produtos cun desconto do 50 % sobre o seu prezo.
Seguridade e limpeza
Atendendo á efectividade do dispositivo e ante o correcto funcionamento do mesmo nos dous últimos anos, o rexedor municipal avanzou que o deste ano será similar ao de 2012 e 2013. Así, o centro neurálxico do dispositivo instalarase na contorna do pavillón de Panxón, onde se situará tamén o hospital de campaña. “En total, o dispositivo de seguridade estará formado por unha vintena de axentes da Policía Local, un mínimo de dúas patrullas da Garda Civil, dous efectivos do GES e unha decena Protección Civil”, sinalou o rexedor.
A este dispositivo, hai que engadir o operativo de limpeza, que entre persoal municipal e da empresa concesionaria do servizo de limpeza CESPA estará formado por máis dunha trintena de persoas, “que do mesmo xeito que o ano pasado permitiranos ter a praia limpa e en condicións de uso e goce desde as 7 da mañá”, engadiu.











