A III Edición de Nocturnia Verán contará con 405 prazas duplicando a súa oferta en só dous anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, presentou esta mañá a III Edición de Nocturnia Verán, que se celebrará durante os próximos meses de xullo e agosto. Esta iniciativa enmárcase desde 2012 dentro da filosofía do Goberno municipal de dar continuidade aos programas integrados dentro do ámbito do lecer xuvenil que se ofrecen ao longo de todo o ano na cidade.

Francisco Mourelo sinalou que nesta nova convocatoria de Nocturnia Verán ofértanse un total de 405 prazas, o que supoñen máis do dobre das ofertadas na primeira edición do ano 2012.O concelleiro de Mocidade destacou que esta ampliación de Nocturnia aos meses de verán supón ocupar o tempo xuvenil do fin de semana durante 10 meses ao ano.

Nesta edición de verán, a Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade organiza 14 macro-actividades desde o venres, 4 de xullo, até o sábado 9 de agosto, coa participación directa de mozas de entre 12 e 30 anos.

Nesta III edición actívanse propostas que son resposta directa ás demandas e inquietudes dos mozos participantes, coordinando actividades deportivas na contorna natural, como a iniciación ao piragüismo, á patinaxe urbana e ás rutas de sendeirismo; talleres artísticos creativos de actualidade, como o decoupage con caixas de cartón; e as propostas alternativas, como o ultimate e o jugger. Tamén están presentes o zumba xperience, flying e exercicios de suspensión ou a risoterapia.

O plan estratéxico do departamento que dirixe Francisco Mourelo para a mocidade da cidade articúlase por medio de modelos de lecer educativo que teñen como obxectivos prioritarios promover hábitos saudables, aos que se unen actividades de calidade que respondan os intereses, motivacións e demandas da mocidade e, ao mesmo tempo, que sexan xeradoras de espazos lúdicos, educativos, participativos e de encontro para os mozos coruñeses.

A coordinación e colaboración coas sinerxías das entidades da cidade segue sendo unha das bases de traballo da Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade. Así, a Asociación Deportiva As Xubias, a Asociación Galega de Jugger, o colectivo Zumba Galicia, a Asociación Polbo Ultimate e a Asociación Deportiva e Cultural Alquimia In Line son algunhas das entidades colaboradoras que protagonizan estas actividades, consecuencia creativa do traballo en equipo entre a concellaría e o tecido asociativo coruñés.

OUTRAS ACTIVIDADES

Francisco Mourelo tamén quixo destacar outras dúas actividades que se porán en marcha tamén durante o mes de xullo. En primeiro lugar, a partir de mañá, día 1, e até o próximo 1 de agosto, iníciase a II Edición do Campamento de Verán para alumnos de Secundaria,con 90 prazas ofertadas que xa foron cubertas por rigorosa orde de inscrición.

A primeira edición, celebrada durante o verán pasado, foi un rotundo éxito de participación, obtendo unha valoración de 8.76 puntos sobre 10. Neste campamento que se desenvolve no albergue de Santa Cruz (Oleiros), os mozos poden practicar deportes alternativos e diferentes actividades acuáticas e ambientais.

A segunda actividade é Hobbycon 2014, unha macro-evento proxectado por mozos para todos os públicos e que xa se consolidou na cidade, pois na edición de 2013 ao redor de 7.000 persoas mostraron o seu interese pola ciencia ficción, o anime e a cultura xaponesa, o cómic, o cine, a música, os videoxogos e a tecnoloxía.

Ademais das casetas e expositores, as actividades que se ofrecen dentro do evento, as exposicións e os invitados (autores de cómic, videoblogguers ou actores de dobraxe, entre outras disciplinas), Hobbycon engloba unha convención de videoxogos, un salón do cómic clásico e unha convención de ciencia ficción e fantasía. O evento, que se celebrará esta semana en Palexco, entre os días 3 e 6 de xullo, conta co apoio da Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade. O obxectivo é alcanzar neste catro días repletos de propostas máis de 9.000 visitas.

30 de xuño de 2014 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.