A II Feira de Emprendedores e a XII Feira de Artesanía de Cambre únense para promocionar a economía local
O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, a concelleira de Economía e Emprego, Marta Vázquez Golpe, e o presidente dos empresarios de Cambre AEC, José Antonio Baamonde, presentaron a II Feira de Emprendedores e a XII Feira de Comercio e Artesanía que arrincará o venres sobre as 12.30 horas no campo da feira e que se clausurará o vindeiro domingo. Segundo o alcalde, Manuel Rivas, trátase dun evento de especial relevancia para promocionar o comercio e a artesanía local, así como de dar a coñecer os novos negocios do municipio. “Hai que ser moi valentes para facerse emprendedores nunha época como esta e debemos de recoñecelo. Ademais, quero felicitar á Asociación de Empresarios por facer da Feira de Artesanía un evento consolidado que apoia tanto á economía cambresa”, apuntou Rivas.
A edil de Promoción económica, Marta Vázquez, asegura que a presenza dos emprendedores é unha aposta da concellaría para que dean a coñecer os seus produtos e servizos. “Renovamos a nosa aposta por promocionar o novo tecido económico de Cambre a través da segunda edición da Feira dos emprendedores, evento pioneiro na comarca, coa participación gratuíta de varias das novas empresas que realizan as súas actividades no municipio desde 2013. Ademais, explicou que este ano as feiras serán máis atractivas polo feito de que se cambiou o formato físico da feira. “As casetas estarán dispostas na praza nova, o que dará maior vistosidade e facilitará o tránsito”, indicou.
Haberá unha gran carpa con máis de 1.000 metros cadrados de superficie para expositores, e contará coa participación de case medio centenar de artesáns e comerciantes. Entre os expositores destacan os postos dedicados ao téxtil, servizos, alimentación ou innovación. E, ademais, habilitaranse outros espazos dedicados ao sector artesán, decoración e actividades hostaleiras.
Pola súa banda, José Antonio Baamonde, agradeceu a colaboración do Concello e asegurou que a cita se consolidou no tempo e proba diso é que levamos doce anos ininterrompidos organizándoa”. Dedicou unhas palabras ao Obradoiro de Gaitas Seivane polos seus recentes premios e destacou a súa presenza na feira.
A cita, organizada pola Concellaría de Promoción económica en colaboración coa Asociación de Empresarios de Cambre, contará coa celebración de diversas actividades paralelas, entre as que chaman a atención as demostracións dos artesáns, animación musical, concurso infantil, Kars a pedais, os sorteos de produtos e un parque de inchables.











