A hostalería pontevedresa disporá dun espazo multifuncional de 330 metros cadrados orientado a punto de encontro
Un espazo de 330 metros cadrados no baixo do Edificio Sarmiento, en forma de L, cunha terraza exterior na entrada do local e dúas terrazas no terceiro andar do Sexto Edificio con vistas sobre a cidade de Pontevedra. Esta será a base do futuro restaurante e cafetería que a Deputación de Pontevedra pretende poñer en marcha no Museo de Pontevedra.
O presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán, e a deputada Ana Isabel Vázquez acompañaron e guiaron esta mañá á primeira decena de hostaleiros que visitou as instalacións, para coñecer in situ as súas características e valorar as posibilidades de explotación que ofrece.
O espazo para restaurante conta con 160 m2 e inclúe comedor, cociña exterior e interior, almacén e cámaras. Tamén no baixo do Edificio Sarmiento, sitúase a cafetería, de 168,7 m2, nun local contiguo ao restaurante, co que comparte a porta exterior de entrada. Os dous comparten os 4 aseos dispoñibles, así como un espazo de terraza exterior.
A cociña conta xa con cámaras, equipo de refrixeración, estantes, mesa-fregadeiro mural, campá extractora mural e central, mesa de traballo, baixo-mostrador, motores e lavavaixelas.
Os espazos complétanse cunha zona de cociña-barra, unha terraza interior e terrazas exteriores no terceiro andar do Sexto Edificio do Museo, á que se accede desde o interior do Museo.
Varios ambientes
Trátase, segundo comentaron algún dos hostaleiros que hoxe visitaron o edificio, dun espazo que ofrece múltiples posibilidades e na que se poden diferenciar ambientes ou ofertas.
Así, Iñaki Bretal, cociñeiro do Grupo Nove que acudiu hoxe ao encontro, destacou que na actualidade os principais museos adoitan incluír un espazo gastronómico e valorou a posibilidade de que o tamén o Museo de Pontevedra conte cun “restaurante gastronómico que destaque en Pontevedra”.
Ao seu xuízo, as instalacións ofertadas ofrecen posibilidades para diferenciar espazos para eventos, cócteles e reunións; área de menú do día para os visitantes do Museo e para ese espazo de referencia na cidade.
Prazo para suxestións
Ata o vindeiro domingo 15 de xuño os hostaleiros interesados na xestión deste espazo poderán seguir visitando as instalacións e disporán dun prazo de trinta días para, tal e como sinalaron Louzán e Ana Isabel Vázquez, facer todas as suxestións e achegas que consideren oportunas, de forma que se poidan ter en conta á hora de sacar a concurso a explotación destes espazos.
Neste sentido, Rafael Louzán subliñou que do que se trata é de “implicar ao sector” na posta en marcha do novo restaurante e cafetería, que está chamado a ser “un atractivo moi importante para o Museo de Pontevedra” e tamén a converterse nun verdadeiro “punto de encontro” para a cidade.
Concesión por 5 anos
Durante a visita ás instalacións, Rafael Louzán explicoulle aos hostaleiros os aspectos básicos do prego que rexerá a concesión, que está practicamente pechado, pendente só das matizacións e achegas que se poidan incluír como consecuencia das suxestións do sector.
Unha vez incorporadas estas suxestións (que poderán facelas chegar tanto de forma verbal, como por e-mail ou por Rexistro), sacarase a exposición pública o prego de condicións e procederase á adxudicación.
O seguinte paso será completar o amoblamento do espazo –que xa conta con boa parte do equipamento, pero que será preciso adaptalo en función das características do establecemento que o adxudicatario propoña–, para o cal a Deputación dispón dunha partida de 80.000 euros. O obxectivo é que o restaurante poida “estar en pleno funcionamento” antes de que remate o 2014.
A adxudicación será por concesión demanial por un período de 5 anos, prorrogables por outros 5, pero o adxudicatario deberá realizar de todos os trámites e cumprir os requisitos necesarios para obter a Q de Calidade, dado que no caso de non conseguir este recoñecemento nun prazo de 3 anos, poderase extinguir a concesión.
Oferta variada
Na proposta que os interesados presenten para poder optar á xestión deste espazo, deberase detallar os servizos que se pretenden impulsar, produtos, menús e prezos, e terá que incluír unha cafetería-gastrobar e ofertar servizos de catering.
Valoraráse a proposta de explotación do restaurante (10 puntos), da cafetería e terraza (10 puntos), o plan de equipamento, interiorismo e decoración (8 puntos), servizos de catering (5 puntos), medios humanos (5 puntos), a calidade e hixiene (4 puntos), explotación do espazo superior (4 puntos), plan de promoción e publicidade (4 puntos) e a porcentaxe dos beneficios que se oferta en concepto de canon á Dpeutación (ata 15 puntos).
Este canon non poderá ser inferior ao 5% dos ingresos brutos de cada exercicio, e en ningún caso a achega que se realizará á Deputación poderá ser inferior a 10.909 € / ano, que equivale ao 3% do valor catastral do ben concesionado (que ascende a 363.650 euros).
O concesionario deberá acreditar solvencia económica, financieira e profesional e, en canto ao persoal, deberá contar cun xefe de explotación e de equipo; un seguro civil por 1,5 millóns e comprometerse a incorporar un 2% de traballadores con discapacidade.
Para poder ser adxudicatario, será preciso ter experiencia na xestión de establecementos de hostalería por un mínimo de 3 anos.











