A Fundación Universidade da Coruña e o Concello de Ferrol colaboran no desenvolvemento da Universidade Senior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol, a través da da Concellería de Cultura e Universidade que dirixe Manuel-Reyes García Hutado, impulsa unha nova colaboración coa Fundación Universidade da Coruña para o desenvolvemento do programa “Universidade Senior”, destinado a impartir ensinos universitarios ás persoas maiores de cincuenta anos. A Comisión Informativa de Cultura, Educación, Deportes e Turismo ditaminou esta mañá o convenio de cooperación polo que a Administración ferrolá achegará un total de 10.260 euros á devandita Fundación. O obxectivo da Universidade Senior é que os maiores dispoñan de novas oportunidades que contribúan á súa autorrealización persoal mediante o desenvolvemento de actividades encamiñadas a potenciar os seus coñecementos culturais, sociais e históricos, cunha ocupación do seu tempo de lecer.

Outro dos asuntos abordados na comisión informativa de hoxe foi dar conta da asistencia do Concello de Ferrol na Semana Verde de Galicia, que se celebrará do 12 ao 15 de xuño en Silleda. A concelleira de Turismo, María del Carmen García Fraga, explicou aos grupos municipais que na feira se presentarán os principais atractivos turísticos de Ferrol: a Semana Santa ferrolá, declarada de Festa de Interese Turístico Internacional; e a Noite das Pepitas, que conta co recoñecemento de Festa de Galicia de Interese Turístico. Así, durante os catro días da Semana Verde de Silleda se darán a coñecer a música das rondallas ferrolás ou as vestimentas desta festividade e as vestimentas e algúns elementos que teñen protagonismo nos desfiles procesionais. Tamén se dará a coñecer na Semana Verde de Galicia a riqueza paisaxística das praias do termo municipal que este ano contarán con catro bandeiras azuis; a Ruta da Construción Naval ou as diferentes opcións de ocio que ten a cidade na época estival: museos, visitas guiadas, paseos en lancha, etc.

6 de xuño de 2014 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.