A Fundación Granell de Santiago acolle unha mostra antolóxica do artista dominicano Iván Tovar
A Fundación Eugenio Granell, de Santiago de Compostela, acolle dende este xoves e ata o 5 de outubro a primeira exposición antolóxica do artista dominicano Iván Tovar, que reúne pezas do autor dende 1961 e ata 2008.
A mostra, composta por 60 pezas de pintura, debuxo e escultura, constitúe a primeira oportunidade para os galegos de entrar en contacto coa obra deste artista, segundo explicou o comisario da mostra, Fran Pimentel.
A elección da sede para esta primeira mostra antológica obedece á “grande amizade” trabada no seu momento entre Tovar e Eugenio Granell, que hai décadas trataron xa de realizar unha exposición conxunta en Madrid. Finalmente, o autor dominicano mostrará ao público o seu traballo na Fundación Granell de Santiago.
Nacido en República Dominicana en 1942, Iván Tovar é un artista pertencente ao neosurrealismo, que presenta obras centradas en construcións xeométricas “moi coloridas”, explicou Fran Pimentel.
Durante a súa residencia en República Dominicana, Tovar entrou en contacto con numerosos artistas europeos emigrados por diferentes causas, entre eles Eugenio Granell, exiliado en 1939. Posteriormente, entrou tamén en contacto cos artistas parisienses e foi en Europa onde obtivo maiores éxitos.











