A Fundación Cangas Deporte presenta as ludotecas deportivas
Hoxe presentouse na Casa da Xuventude a nova campaña de Ludotecas Deportivas de verán organizadas polo Concello de Cangas a través da Fundación Cangas Deporte. O concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño destacou que grazas a este tipo de iniciativas “facilitamos ás familias de Cangas unha opción de ocio e tempo libre de calidade que permita a conciliación familiar e laboral durante as vacacións de verán”. “É unha actividade que está consolidada no noso Concello cumprindo a súa onceava edición e na que participan cada ano máis de 140 nenos e nenas da nosa vila” recalcou.
O técnico da Fundación Cangas Deporte Marcos Fernández explicou que poderán participar nestas ludotecas os rapaces con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades desenvolveranse a partir do 30 de xuño ata o 29 agosto durante catro horas, dous días á semana, en horario de 9.30 ata ás 13.30 horas nos centros escolares de Nazaret, CEIP San Roque, CEIP Espiñeira e CEIP Hío. Nas actividades os participantes realizarán diversos deportes, algúns moi coñecidos e outros máis minoritarios, nun ambiente distendido no que se traballará sobre os valores do respecto, o compañeirismo, o esforzo e empatía nos demais entre outros e que impregnan calquera practica deportiva. Como novidade tamén coñeceran deportes deseñados para persoas con discapacidade traballando deste xeito o respecto na diversidade e as diferencias así como os xogos tradicionais a través da experiencia dos maiores para coñecer como se xogaba fai algunhas décadas.
O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 20 de xuño. Todos aqueles interesados deberán achegarse a sede da Fundación Cangas Deporte na Casa da Xuventude en horario de 9.00 a 14.00 horas ou tamén a través da web www.cangasdeporte.com. O prezo da inscrición é de 50 euros. As prazas ofertadas son limitadas. O mércores 25 de xuño farase público os grupos e horarios definitivos nos taboleiros habilitados na Casa da Xuventude. Para máis información está dispoñible o teléfono 986.392.166.











