A Fundación Cangas Deporte informa sobre a nova convocatoria de subvencións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Fundación Cangas Deporte celebrou este sábado no Salón de Plenos da Casa do Concello a súa Asemblea Xeral que estivo presidida polo presidente- delegado da entidade e concelleiro, José Luís Gestido acompañado polo concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño e polo secretario- técnico da entidade José R. Refojos.

No acto estiveron presentes unha importante representación dos máis de 40 clubs deportivos do municipio, que practican 28 deportes diferentes, con máis de 2.300 licencias federativas. Durante a sesión, procedeuse á aprobación da acta anterior e ofreceuse aos asistentes información sobre a nova convocatoria das ‘Bases destinadas ao fomento do deporte federado en Cangas 2014’ dirixidas aos clubs da localidade e que foron aprobadas recentemente e serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia previsiblemente a finais da próxima semana.

O concelleiro presidente da Fundación Cangas Deporte José L. Gestido destacou o importante esforzo orzamentario do Concello “cunha partida de 100.000 euros grazas tamén a colaboración e patrocinio de entidades privadas”, mantendo a cuantía respecto a pasado ano así como sinalou que “os servizos de Intervención e de Deportes estarán a enteira disposición dos clubs para resolver dúbidas na tramitación das axudas”. Durante a sesión expuxéronse as liñas principais da convocatoria na que se menciona que tipos de gastos das actividades son subvencionables entre os que están o gasto de persoal, aluguer de instalacións, aloxamentos,…, ou sobre os criterios de valoración, aspectos que veñen marcados pola Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia.

O prazo para entregar as solicitudes comezará coa publicación no BOP da convocatoria, algo que non ocorrerá polo menos ata o próximo tralo cal terán 20 días naturais para entregar a documentación no Rexistro Xeral do Concello de Cangas.

 

14 de xuño de 2014 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.