A Festa da Rosa de Mos xa é oficialmente Festa de Galicia de Interese Turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, informaron esta mañá de que hoxe foi publicado no Diario Oficial de Galicia, DOG, a resolución da Axencia Turismo de Galicia pola que se declara Festa de Galicia de Interese Turístico á Festa da Rosa do Concello de Mos.

Curiosamente a resolución da Axencia Turismo de Galicia é de data 13 de xuño de 2014, o venres pasado, que foi o denominado Día da Rosa e xornada grande das Festas da Rosa, que é ademais festivo local mosense.

A rexedora local mosense declarou hoxe as súas ledicia e satisfacción por tan boa nova, así como a súa esperanza de que a outra celebración do municipio que está á espera de recibir a titulación de Festa de Galicia de Interese Turístico, que non é outra que a Festa do Codillo (que se celebra no mes de outubro no entorno do Pazo dos Marqueses de Mos organizada polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos), obteña tamén unha resolución positiva. A Festa do Codillo celebrouse por primeira vez no ano 1998, polo que conta xa con 16 anos de historia, e foi a primeira festa gastronómica de Galicia en exaltar esta parte do porco.

Detalles sobre a Festa da Rosa

A Festa da Rosa é a festa oficial do Concello de Mos, posto que está dedicada á Rosa de Quirós. Dende o ano 1.973, celébrase esta festa e réndese culto a esta fermosa flor que aparece no escudo heráldico do Concello e que herdou dos marqueses de Quirós.

No presente mes de xuño danse cita en Mos todos os apaixoados desta flor que participan activamente nos concursos, concertos, talleres e outras actividades para ensalzar a figura desta flor tan presente na vida cotiá da poboación mosense.

Dende o Concello de Mos configúrase unha cita enmarcada dentro das actividades do verán, e máis en concreto na Festa da Rosa, que, como é tradición, ten lugar ó longo de todo o mes de xuño e ten como obxectivo base o fomento da cultura.

Este mes sempre é o máis sinalado e importante do calendario desta localidade, culturalmente falando, xa que o día 13 de xuño é festivo local en Mos. “É por iso que todas estas actividades pretenden ser unha homenaxe a esta bela flor, representativa do noso Concello e da cal posuímos exemplares únicos e hermosísimos”, explica a concelleira Sara Cebreiro.

Ao redor desta festividade mosense dende a concellería de Cultura trabállase ano tras ano nun programa para todos os públicos e xeracións, ofertando actos culturais e lúdicos: concertos, teatro, deportes, actividades de lecer e diversos concursos relacionados con esta flor como o concurso de ramos de rosas.

Este 2014 a Festa da Rosa de Mos cumpriu a súa corenta e unha (XLI) edición. Cada ano esta festividade é maior, por iso en cada nova edición continúase traballando na súa organización agardando que a súa difusión sexa, se cabe, superior para o ano seguinte.

A Festa da Rosa, é coñecida non só a nivel do Concello de Mos senón que tamén está recoñecido polos municipios limítrofes e incluso na rexión do norte de Portugal, de onde acude moitísimo público ás celebracións que con motivo desta festividade se levan a cabo.

20 de xuño de 2014 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.