A Feira do Verán de Lalín celebrarase o 28 de xuño na praza da Torre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, sinala que nesta semana se celebrou o primeiro encontro de organización deste mercado correspondente á estación estival e avanza que o vindeiro 20 de xuño se desenvolverá o último encontro de organización deste evento; ata esa data está aberta a incorporación de novas adhesións de participantes na dita “Feira de Verán”

O Mercado Tradicional “Feira de Verán” do Concello de Lalín celebrarase o próximo sábado 28 de xuño. Así o anuncia a concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, que sinala que “vimos de manter nesta semana a primeira reunión de organización deste mercado correspondente á estación estival”.

María José Batán indica que “a dita Feira de Verán coincide co primeiro aniversario dos mercados tradicionais en Lalín que se puxeron en marcha o 22 de xuño de 2013 e que se desenvolven desde entón todos os sábados, aos que se suma, periodicamente, o que se desenvolve en cada estación metereolóxica, cando ten lugar un mercado máis completo como é o caso que nos atinxe do próximo 28 de xuño”.

“Os obxectivos de poñer en valor os produtos agrogandeiros e de ofrecer a mellor calidade das nosas producións hortícolas coa frescura e proximidade que supón contar cos excedentes agrarios ofrecidos polas persoas que os coñecen, os cultivan e os achegan ao consumidor, foron os que se pretenderon conseguir neste ano”, asegura Batán.

OBXECTIVOS CUMPRIDOS

A concelleira delegada remarca que “os ditos obxectivos estanse a cumprir de xeito que o Mercado se consolida como referente importante nas citas comerciais e feirais de Lalín, conseguindo achegar unha importante variedade de produtos de alimentación e artesanía da nosa zona, que nalgún mercado se complementa co doutros lugares”.

“No encontro de preparación da Feira do Verán, coordinada pola Concellería de Comercio, que se tivo esta semana, e que terá lugar o último sábado de xuño, participaron unha trintena de persoas entre artesáns, comerciantes e produtores hortícolas, e nelas se concretaron distintos aspectos organizativos en relación á mesma”, puntualiza.

DURACIÓN, TODO O DÍA

“Deste xeito, acordamos que a Feira do Verán se desenvolva en horario de 10 a 21 horas, na Praza da Torre coa estatua de Loriga”, afirma. “Haberá representación de postos de venda de alimentación, pulpeiros, froitas e verduras, representantes do produto da industria agroalimentaria, artesáns, etc”, comenta.

SORTEO DE LOTES DE PRODUTOS TÍPICOS

“Tamén se concretou a actuación do grupo de baile tradicional Os Xuncos, actividades de animación para nenos e como novidade un sorteo de lotes de produtos típicos de Lalín, que serán achegados polos propios vendedores. Haberá dous sorteos presenciais: un ás 12 da mañá e outro ás 18 da tarde no que participaran todos os clientes do Mercado que recibirán as rifas correspondentes en función das compras realizadas, dende este sábado día 7, explica. Batán Mouriño tamén informa que “os vendedores empregarán bolsas de papel subministradas polo Concello”.

PRAZO DE ADMISIÓN E ÚLTIMA REUNIÓN DE COORDINACIÓN

A responsable delegada de Comercio avanza que “todos os que queiran participar neste Mercado de Verán poderán anotarse na Concellería de Comercio”. “O venres, 20 de xuño, desenvolveremos a última reunión de coordinación da Feira, data ata a que estará aberta a admisión de participantes nesta Feira de Verán”, precisa. “Agárdase unha importante presenza tanto de vendedores e expositores como de público nesta data de celebración do 1ª aniversario”,  subliña.

9 de xuño de 2014 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.