A Feira de Emprendedores e de Artesanía de Cambre érguese como dinamizador económica local
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou hoxe na inauguración da II Feira do Emprendemento e a XII Feira de Comercio e Artesanía de Cambre a importancia destas citas na dinamización económica da local. Vázquez Abeal subliñou que estas mostras, que se celebran no Campo da Feira da localidade coruñesa durante toda a fin de semana, servirán de escaparate dos novos negocios do municipio, ademais de potenciar o comercio local e a mellora da comercialización do produto artesán.
Neste sentido, a directora xeral de Comercio lembrou que o fortalecemento da comercialización da artesanía galega é unha das liñas de acción contempladas no primeiro Plan de Artesanía de Galicia, que se vén de poñer en marcha co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.
Na feira de Artesanía, que conta co apoio da Consellería de Economía e Industria, participan expositores galegos que representan distintos oficios artesanais, como o téxtil, marroquinería, pirogravado e cerámica, así como o obradoiro de gaitas Seivane, gañador do Premio Nacional de Artesanía, e ao que a Xunta de Galicia vén de conceder a Medalla Castelao.
O espazo de exposición e venda directa complementarase coa celebración de talleres de artesanía en vivo, así como degustación de viños e aceites, gastronomía de Galicia, actividades para nenos e nenas e actuacións musicais.











