A Feira das Cereixas de Paiosaco é declarada oficialmente de Interese Turístico de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+

Son moitos os atractivos que ofrece a localidade de Paiosaco para ser visitada, especialmente no primeiro e no terceiro domingo de cada mes coa celebración da feira, e desde hoxe conta cun motivo máis.

A Feira das Cereixas, que se celebra no primeiro domingo de xullo, estreará este ano a distinción de Festa de Galicia de Interese Turístico, á que accede por orde do Consello da Xunta celebrado no día de hoxe. Deste xeito a Xunta de Galicia recoñece a importancia desta celebración, que é a festa gastronómica máis destacada de todas as que desenvolven ao longo de todo o ano no Concello da Laracha.

A declaración da Feira das Cereixas de Paiosaco como Festa de Galicia de Interese Turístico é unha recompensa á labor conxunta do Concello da Laracha, a Comisión de Festas, os veciños da localidade, colaboradores, comerciantes e os diferentes locais comerciais e hostaleiros existentes na área de influencia do recinto feiral. Grazas á coordinación de todos os axentes implicados, o desenvolvemento das actividades deportivas, culturais, educativas, sociais e festivas que cada ano se desenvolven na primeira fin de semana de xullo son sempre un éxito organizativo e de participación

A iniciativa para obter esta distinción partiu do goberno local, que destacou na memoria presentada á Xunta de Galicia a tradición histórica, orixinalidade, singularidade, arraigamento popular, valor cultural e asistencia por parte do público á Feira das Cereixas, ademais de salientar que o recoñecemento premiaría á vila de Paiosaco pola cobertura en servizos que ofrece, as boas comunicacións, o transporte público (mellorado trala incorporación do Concello da Laracha á área da Coruña do Plan de Transporte Metropolitano) e a calidade e funcionalidade do recinto feiral, que supera as dúas hectáreas e media de superficie e, ademais de superar os 500 postos de venda fixos, existen zonas destinadas á venda libre de calquera tipo de produto.

O xerme da Feira das Cereixas atopámolo na gran produción e oferta deste produto que antigamente existía no Concello da Laracha, especialmente no val do Anllóns (parroquias de Erboedo, Coiro e Soandres). A comezos do verán era cando maduraba e estaba lista para o seu consumo, de aí que a Feira das Cereixas se celebre no primeiro domingo do mes de xullo. Pouco a pouco foi decaendo a comercialización do froito vermello producido no noso termo municipal, pero a Feira das Cereixas seguiu realizándose, aumentando o seu prestixio e afluencia ano tras ano.

Por tanto, o verán de 2014 será outra das datas de especial relevancia na historia da Feira de Paiosaco, unha das de maior prestixio, concorrencia e tradición da zona norte de Galicia. De feito, para atopar a súa orixe temos que acudir á Idade Media co intercambio de mercadorías entre os veciños da zona que se concentraban semanalmente neste lugar pola súa situación xeográfica estratéxica e a problemática do transporte. Desde os primeiros anos do século pasado a feira comezou a ser quincenal e a celebrarse no primeiro e terceiro domingo de cada mes, tal e como se recolle no Directorio de Galicia publicado en 1911.

A Feira das Cereixas de Paiosaco é a segunda Festa de Interese Turístico de Galicia do Concello da Laracha. A Romaría dos Milagres de Caión (8 de setembro) conta con este recoñecemento desde o ano 2008.

12 de xuño de 2014 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.