A exvoceira do goberno local de Santiago dá o seu apoio a Ángel Currás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A ata agora voceira do goberno local de Santiago, María Pardo, manifestou este venres o seu “apoio explícito” e “sen fisuras” ao alcalde, Ángel Currás, para que continúe á fronte do Concello e recompoña o goberno, tras a saída de nove edís -sete (entre eles ela) pola condena por prevaricación, Adrián Varela e Rebeca Domínguez-.

A preguntas dos xornalistas aproveitando que pasou polo Pazo de Raxoi, María Pardo arremeteu tamén á oposición, á que acusou de actuar respondendo a intereses “partidarios” para “agravar a crise”, en lugar de velar pola boa marcha da cidade.

“Eu creo que o alcalde está a demostrar o seu compromiso e eu quero demostrarlle o meu apoio. El non é responsable e, non obstante, estaa a afrontar de cara, con Reyes Leis tamén, e claro que van ser capaces de levala a cabo”, abundou nunha intervención na que enxalzou a “boa xestión” municipal que, segundo reivindicou, se levou a cabo.

María Pardo pediu á oposición que deixe “un descanso” ao alcalde para a configuración do seu “novo e grande goberno”. “Polo menos tres días”, dixo, para reclamar “un pouco de xenerosidade”, porque “o importante a cidade”.

DIMISIÓN

“Como voceira de min mesma, o alcalde ten o meu total apoio e explícito”, indicou preguntada polas peticións de dimisión do alcalde dentro das filas populares, tras aclarar que ela “xa non é voceira de ninguén”. Ademais, indicou que o alcalde “non é responsable” da situación na que se atopa o Concello, con nove baixas de edís – sete por unha condena por prevaricación – .

A que foi tamén titular de Urbanismo non quixo aclarar se tamén se dará de baixa de militancia do PP, como fixeron outros compañeiros seus condenados por prevaricación -María Castelao, Luis Bello e Amelia González-, pero deu a entender que continuará nas filas da formación. Os estatutos do partido permiten aos condenados permanecer como integrantes da organización ata que a sentenza sexa firme e, neste caso, aínda falta a resolución do recurso.

“Eu xa non son unha persoa pública e as decisións persoais quédoas para min”, reiterou sobre a súa situación no partido María Pardo, que dixo que acerca das decisións “persoais” de dos demais non comentará nada.

“FEIJÓO QUERE O MELLOR PARA SANTIAGO”

Por outro lado, preguntada polas palabras do presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que el sempre quixo o “mellor” para a cidade.

“Eu falo no meu nome, eu creo que Feijóo quere o mellor para Santiago, como demostrou sempre, e garántese polo PP, igual que fan todos os concellos que está a gobernar” a xestión diaria, asegurou María Pardo, quen reivindicou que o de Santiago ten un presuposto aprobado, o cal non acontece noutros onde – sen mencionalos explicitamente – goberna o PSOE.

6 de xuño de 2014 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.