A escola municipal de fotografía de Carral presenta no Toñito Espiñeira os seus mellores traballos
A sala de exposicións do edificio social Toñito Espiñeira acolle ata o 20 deste mes unha exposición cos mellores traballos realizados durante o curso que ven de rematar.
Son máis dunha vintena de fotografías as que presenta o alumnado desta escola cultural, que se desenvolveu desde outubro na Casa da Cultura baixo a dirección docente de Fran Martínez.
A escola de fotografía é unha das de maior antigüidade no programa de escolas municipais e pola que teñen pasado uns 200 alumnos.
O obxectivo deste obradoiro é o de ofrecer formación ampla sobre o mundo da fotografía, para o cal dispón de equipo de estudio que se pon a disposición do alumnado para a realización dos seus traballos.
O novo curso comezará no mes de outubro, dentro da oferta de escolas municipais de Cultura, Deportes e Educación.











