A escola de música vilagarcián admite a 446 alumnos para vindeiro curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Escola Municipal de Música Bernardo del Río admitiu para o vindeiro curso escolar a un total de 446 alumnos, 20 máis que o pasado ano. A cifra inclúe aos educandos que continúan estudios no centro, como aos de novo ingreso que reservaron praza e xa foron admitidos. Estes últimos aínda deberán formalizar a matrícula a principios de xullo.

O alumnado divídese entre os 219 alumnos que cursarán Música e Movemento e 227 que recibirán formación nunha das especialidades instrumentais que se imparten na escola Bernardo del Río.

No primiero ciclo das ensinanzas musicais que oferta a Escola de Música para os alumnos máis cativos, na materia de Iniciación á Música, a dos nenos de 3 anos, mantéñense as 36 prazas deste curso, mentres que en Música e Movemento, para alumnado de 4 a 7 anos, haberá 9 prazas máis.

Xa por especialidades instrumentais, mantense o número de alumnos nas materias de Piano (70), Guitarra (38), Frauta traveseira (24), Vento metal (16) e Percusión (26); mentres que hai un aumento no número de matrículas nas especialidades de Corda, pasando de 22 a 31; e en Vento Madeira, pasando estes de 20 a 22 alumnos.

Este aumento de matrículas de cara ó vindeiro curso pon de manifesto o interese que as ensinanzas musicais teñen en Vilagarcía e tamén refrendan a labor da Escola Municipal. Independentemente da actividade puramente académica e educativa, o centro leva anos implementando a súa programación coa realización de numerosas actividades coas que se pretende participar na vida socio cultural do municipio, dando a ver o traballo que se desenvolve no centro.

Nesta liña de actuación, ao longo deste curso os nenos de Música e Movemento protagonizaron o Festival de Frautas Doces o Festival de Danzas do Mundo, os Festivais de Iniciación á Música de Nadal e os festivaios de fin de curso dos educandos de Iniciación á Música e dos de Música e Movemento.

Pola súa banda, os alumnos de formación instrumetal participaron nas diferentes audicións trimestrais; Concerto homenaxe a Fernando Argenta, onde se recreou o coñecido programa radiofónico de “Clásicos Populares”; así como nos Concertos de Solistas e de Agrupacións tanto no Nadal como no final de curso.

Como novidade deste curso que remata, a Escola de Música de Vilagarcía fixo un intercambio músico-cultural ca Escola de Música de Vilanova de Arousa, onde o Grupo Moderno de Vilanova participou no concerto do segundo trimestre; mentres que foi o Grupo de Percusión da Escola de Vilagarcía o que participou no concerto de fin de curso da Escola de Vilanova.

De cara ó vindeiro curso, o centro xa está traballando en novos proxectos, tanto musicais como pedagóxicos.

25 de xuño de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.