A Escola de Gaitas e Percusión da Deputación clausura o curso de Cangas ao rítmo de vals e muiñeiras
Esta mañá o Auditorio Municipal de Cangas vibrou co son de gaitas, frautas, pandeiretas e tambores coa clausura da Escola de Gaitas e Percusión da Deputación de Pontevedra. No acto, que pon fin a nove meses de traballo, estiveron presentes a deputada provincial da área de Cultura Ana Isabel Vázquez, o alcalde de Cangas José Enrique Sotelo, o concelleiro de Cultura José Luis Gestido e outros membros da corporación municipal, que fixeron entrega dos diplomas aos 109 alumnos e alumnas que integran a escola.
Durante o acto os membros da escola interpretaron varias pezas musicais coma “A marcha dos xigantes”, “A saia de Carolina” ou o “Himno do antigo reino de Galicia” co que finalizaron o especáculo.
O alcalde de Cangas José Enrique Sotelo quixo felicitar aos músicos pola súa actuación e destacar que tras sete anos dende que por primeira vez a escola se instaurou en Cangas, segue existindo un forte grado de implicación por parte da poboación o que demostra “ a profunda tradición que os cangueses e canguesas sinten pola nosa música”.
Pola súa parte a deputada provincial Ana Isabel Vázquez sinalou que “para a Deputación de Pontevedra é toda unha honra e satisfacción poder colaborar coa difusión e o aprendizaxe da música tradicional, grazas as 5 Escolas de Gaitas e Percusión que o organismo promove en diferentes municipios da provincia”.











