A entrega dos premios “Lidera Ferrol” contará co concerto acústico de Paula Rojo
A Concellería de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, entregará este sábado, día 28, os premios da terceira edición do certame “Lidera Ferrol”. Esta proposta, posta en marcha neste mandato, ten o obxectivo de premiar e poñer en valor o talento creador e artístico dos mozos e mozas da cidade. A cerimonia dará comezo ás 20:00 horas no Teatro Jofre e contará co concerto acústico de Paula Rojo. A día de hoxe, as invitacións gratuítas postas a disposición da cidadanía están esgotadas polo que o aforo do teatro municipal estará completo.
Un total de 117 proxectos foron presentados nas diferentes categorías, tanto individuais como colectivos. Esta terceira edición reparte un total de 8.000 euros entre os tres primeiros clasificados de cada unha das oito modalidades do certame, que son: Curto/Videoarte; Deseño de soportes dixitais; Fotografía; Música; Deseño de produto; Cómic/Relato curto; Pintura/Escultura e Teatro/Danza. Así, establécense premios en metálico para os tres primeiros clasificados de cada categoría, cun primeiro premio de 600 euros; un segundo de 300 euros e un terceiro de 100 euros. Os membros do xurado valorarán a orixinalidade, deseño, técnica e calidade artística das obras.











