A empresa lalinense Metaldeza traballa na construción dunha planta siderúrxica en Brasil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLalínLocal Portada
A-
A+
Traballos de construción da planta en Brasil

Traballos de construción da planta en Brasil

A firma galega Metaldeza participa na construción dunha nova planta siderúrxica no estado de Ceará, na rexión metropolitana de Fortaleza, ao noroeste de Brasil. A metalúrxica galega está a encargarse do deseño, o cálculo, a enxeñaría de detalle e a fabricación de diversas estruturas da planta.

Nunha primeira fase, Metaldeza traballou na execución do tren de laminación do aceiro, a fábrica de malla electrosoldada e a nave de palanquillas. Estas instalacións ocupan unha superficie total de 56.000 metros cadrados e para a súa fabricación empregáronse 5.475 toneladas de aceiro.

Os traballos comezaron en xullo de 2012 e Metaldeza traballou nas pezas durante 8 meses na súa sede do Polígono de Botos (Lalín), onde actualmente iniciaron a seguinte fase do proxecto: a construción das naves da acería de fundición, da coada continua e o parque de chatarras. Nestes momentos o equipo de Metaldeza realiza os labores de enxeñaría, previas á fabricación das novas estruturas.

Esta segunda fase ocupará unha superficie de 15.000 metros cadrados e ocupará á empresa galega durante outros 6 meses. A fabricación destas estruturas, que completarán a siderurxia, está orzada en 5 millóns de euros. En total ambos os proxectos supoñen para Metaldeza unha inxección de 10 millóns de euros. Construída pola sociedade Siderúrxica Latino-Américana (Silat), prevese que a planta comece a funcionar a finais de 2016.                                                                                                            

Estes traballos realizados para a nova planta Silat en Brasil veñen a sumar ao seu recente traballo en Panamá, onde executou e montou a estrutura do novo estadio da cidade, e consolidan a expansión de Metaldeza fóra das nosas fronteiras. A compañía prevé alcanzar unha facturación contorna aos 13 millóns de euros ao longo deste 2014, dos que máis do 80% correponderán ao mercado internacional. Fontes da empresa dezana sinalan que esta é a súa resposta ao parón que sofre o sector no ámbito nacional e que esperan continuar con máis traballos no ámbito internacional.

5 de xuño de 2014 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.