A elite da vela xuvenil nacional reúnese en Galicia

O Centro Galego de Vela, con base en Vilagarcía, converterase este verán no epicentro da vela xuvenil nacional grazas ás concentracións das clases Optimist, Laser e 420 que se realizarán nas súas instalacións. A sede de tecnificación da Federación Galega de Vela reunirá en xullo e agosto a adestradores e regatistas do Equipo Olímpico Español para achegar a súa experiencia nos meeting de cada especialidade.

Desta forma, as concentracións de Láser (14 ao 20 de xullo), Optimist (28 ao 31 de xullo) e 420 (11 ao 17 de agosto) contarán cos adestradores Roy Alonso, Jaime García, Alberto Medina e Francisco Duarte. Tamén achegarán os seus coñecementos os irmáns Carlos e Antón Paz, Alicia Cebrián e Martina Reino. Como colofón ás actividades, o seleccionador nacional de Optimist, Kiko Igual, dirixirá un curso de perfeccionamento.

O Centro Galego de Vela presentou este mércores na súa sede de Vilagarcía as actividades que desenvolverán ao longo do verán na ría de Arousa. Ademais das concentracións nacionais, celebraranse por primeira vez dous campamentos náuticos para nenos de entre 10 e 16 anos baixo a supervisión de monitores da Federación Galega de Vela.

O Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o máximo responsable da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, foron os encargados de presidir o acto oficial no que o director do Centro Galego, Alberto García, ofreceu os pormenores sobre as actividades. Tamén acudiron a concelleira de Deportes de Vilagarcía, Elena Suárez; a deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra, Begoña Estévez; e os representantes da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Alfonso Rodríguez; do Real Club de Regatas de Galicia, Pedro Piñeiro, e do Liceo Casino de Vilagarcía, Dores Camba.

Ademais, na presentación tamén participaron as campioas olímpicas Tamara Echegoyen e Sofía Toro, e integrantes dos equipos galegos de vela, como Miguel Fernández, Tomás Vieito, Adrián Domínguez, Andrés Álvarez e Luís Bugallo. Echegoyen, medalla de ouro nos Xogos de Londres 2012, destacou as excelentes condicións de Vilagarcía para a preparación dos deportistas. “Vilagarcía ten as condicións perfectas para as novas xeracións e estou segura de que moi pronto haberá resultados”, sinalou.

Pola súa banda, José Ramón Lete mencionou o gran número de regatistas galegos que xa compiten coas seleccións nacionais. “Non é casualidade que no Equipo Olímpico Español haxa cinco deportistas galegos de primeiro nivel, como os irmáns Paz, Tamara, Sofía e Laura, pero tamén temos aos mellores adestradores, entre outros Pepe Lis e Roy Alonso”, asegurou o secretario xeral.

Alberto García, director do Centro Galego de Vela, explicou que o obxectivo é preparar aos equipos que representan a Galicia sen esquecerse de traballar cos nenos e conseguir que se penetren no mundo da vela. Respecto dos campamentos, o responsable do centro indicou que se celebrarán en dúas quendas (do 5 ao 13 de xullo e do 2 ao 10 de agosto) e explicou que os alumnos recibirán cursos completos, incluíndo navegación diaria e explicacións en terra. Ademais, haberá actividades paralelas como surf, sendeirismo e pádel. Os prazos de inscrición continúan abertos.

18 de xuño de 2014 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.