A edil de Mobilidade da Coruña anuncia aos empresarios da Grela que o bus urbano percorrerá o polígono
A concelleira de Mobilidade, Begoña Freire, reuniuse coa asociación de empresarios do polígono da Grela, no marco da execución do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, para informarlle de que a liña 11 do autobús urbano penetrarase neste parque industrial.
O Goberno municipal atende con esta decisión unha demanda histórica tanto da agrupación de empresarios que preside Manuel García Santamaría como dos traballadores das máis de 500 empresas asentadas no polígono. “Un dos nosos obxectivos, xunto ao cambio de cartón para que sexa compatible co bus metropolitano, é precisamente chegar a zonas que requiren do bus urbano, como é este caso. Queremos que A Grela sexa un barrio máis da cidade”, afirmou esta mañá o alcalde da Coruña, Carlos Negreira.
A solución adoptada pola Concellaría de Mobilidade implica unha variación do itinerario: desde a avenida de Arteixo -dirección saída da cidade- entrarase ao polígono pola rúa Cesuras, continuando por José María Rivera Curral -onde se fará parada- até a nova glorieta, rúa Galileo Galilei e xiro para recuperar o itinerario habitual en Severo Ochoa.
Na actualidade, a liña 11 circula por esta zona pola avenida de Arteixo en dirección saída da cidade e xira a Severo Ochoa.
A reordenación da liña 11 do bus urbano na Grela inclúese dentro dunha serie de actuacións executadas neste polígono industrial, como a reordenación do aparcadoiro na rúa Severo Ochoa con dotación dunha nova zona de estacionamento para turismos; a renovación de marquesiñas en avenida de Finisterre; as melloras de sinalización horizontal e illote para facilitar a mobilidade na confluencia da estrada Baños de Arteixo en dirección As Rañas e Martinete; os novos pasos de peóns, mellorando a seguridade peonil nas rúas Arquímedes, Edison e Pasteur, e repintado dos existentes, así como protección de zonas axardinadas en rúa Copérnico; melloras de señalética vertical, tanto direccional como indicativa do polígono; importante mellora de seguridade viaria no cruzamento da rúa Gambrinus con José María Rivera Curral, con construción de glorieta e minuciosa sinalización horizontal consensuada coa Asociación de Empresarios; e, sobre todo, a conexión da Terceira Rolda co polígono a través de Severo Ochoa, o que alivia tanto a avenida de Arteixo como a rolda de Outeiro e Alfonso Molina.
A finalización da Terceira Rolda, programada para o primeiro trimestre de 2015, contribuirá a mellorar os accesos ao polígono da Grela, unha solución á mobilidade que se verá implementada co proxecto do Viario 18, que conectará a Terceira Rolda coa AP-9.











