A EDAR de Bens aproba un investimento de 16,4 millóns de euros en contratos para a mellora da calidade do servizo
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asistiu este mediodía á reunión do Consello de Administración da sociedade EDAR BENS SA no que se aprobou, por unanimidade, a licitación de 3 contratos que supoñen un investimento de 16,4 millóns de euros e que suporán uns servizos de maior calidade para os veciños da área metropolitana.
En concreto, aprobáronse as seguintes licitacións:
– Contratación do servizo de explotación e mantemento das instalacións de depuración e saneamento encomendadas a EDAR BENS SA. Entre as instalacións encomendadas polos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, destacan as depuradoras de Bens, Xubín, Lorbé, Barrañán e Groba, así como todos os bombeos de augas residuais existentes nos citados concellos. O importe da licitación é de 11.007.950,14 euros por un prazo máximo de catro anos.
– Contratación do servizo de xestión de residuos non perigosos procedentes das estacións depuradoras de auga residual encomendadas a EDAR BENS SA. O obxecto do contrato é a prestación do servizo consistente na xestión dos residuos non perigosos, dotación de recipientes e colectores, o seu mantemento, sinalización, etiquetaxe e identificación, así como movementos internos de colectores, recollida e transporte ao xestor final para a súa valorización e/ou eliminación. Tamén inclúe a xestión administrativa e telemática de cada residuo no libro de rexistro de cada centro produtor, así como o soporte documental necesario para garantir o cumprimento das condicións ambientais e legais exixibles en todas as instalacións encomendadas a EDAR BENS SA., depuradoras, bombeos, etc. O importe da licitación é de 3.654.758,80 de euros por un prazo máximo de dous anos.
-Contratación da subministración de reactivos químicos, antiespumante e polielectrolito para as instalacións encomendadas a EDAR BENS SA. Afecta, tamén, ás instalacións encomendadas ao ente supramunicipal, como as depuradoras de Bens, Xubín, Lorbé e Barrañán. O importe da licitación é de 1.754.754,10 de euros por un prazo de dous anos.
Por outra banda, celebrouse a Xunta de accionistas coa presenza de todos os alcaldes dos concellos integrados na EDAR BENS SA. Na reunión aprobáronse, tamén por unanimidade, as contas correspondentes ao exercicio 2013.
Con estes acordos alcanzados tanto no Consello de Administración como na Xunta de accionistas da primeira empresa supramunicipal creada en Galicia, os concellos da área da Coruña, demostran o seu grao de compromiso e a súa vontade de diálogo para adoptar decisións e medidas comúns que redunden nuns mellores servizos para a cidadáns da área.











