A Deputación de Pontevedra concede 30 bolseiros a empresas do sector turístico
26 titulados universitarios e de ciclos superiores de FP comezarán a traballar o vindeiro 1 de xullo noutras tantas empresas do sector turístico ó abeiro do Plan de práctica laboral en empresas 2014 posto en marcha pola Deputación.
Así se puxo de manifesto esta mañá nun acto presidido polo titular da Deputación, Rafael Louzán, e no que participaron a deputada Begoña Estévez e responsables de Recursos Humanos e de Turismo da Administración Provincial, xunto coas empresas e os bolseiros que hoxe asinaron os documentos pertinentes para a posta en marcha das bolsas.
Trátase dunha iniciativa coa que, segundo asegurou o presidente desta institución, Rafael Louzán, non só se persigue ofrecer “unha magnífica oportunidade” para que mozos e mozas con ampla formación “teñan a súa primeira oportunidade laboral”, senón tamén para “darlle un pulo á profesionalización” dun sector que é a “columna vertebral da nosa economía”.
“Necesitamos un sector turístico con capacitación e con formación adecuada, para seguir sendo líderes en Galicia”, afirmou.
Nova convocatoria para cubrir vacantes
Malia que o Plan de práctica laboral en empresas do que forma parte esta convocatoria de bolsas está nestes momentos en trámite de selección de empresas, a Administración provincial decidiu adiantar as bolsas para titulados no sector turístico porque, en palabras de Rafael Louzán, “non sería normal que os traballadores que van ir a estas empresas comezasen as súas prácticas en setembro, cando a tempada estival remata”.
Neste primeiro bloque convocáronse un total de 30 bolsas en 7 titulacións diferentes, pero 4 delas non se puideron cubrir por falta de aspirantes coa titulación de ciclo superior de Dirección de Cociña.
Estas vacantes volverán convocarse nos próximos días co obxecto de que os beneficiarios das bolsas “poidan estar tamén traballando a mediados do mes de xullo”, afirmou Louzán.
Tanto Rafael Louzán como Begoña Estévez amosáronse confiados en que o labor dos bolseiros non se limite ao tempo que duran as prácticas financiadas pola Deputación, senón que teña continuidade con contratos laborais.
As prácticas terán unha duración de 3 meses prorrogables por outros 3, podendo ampliarse ata completar un ano, tal e como xa se está a facer cos bolseiros que comezaron as súas prácticas en empresas a comezos de xaneiro e aos que se lle renovou a bolsa por outros seis meses.
Neste sentido, Louzán destacou que a experiencia do plan agora en marcha confirma que foi un acerto a posta en marcha desta “iniciativa pioneira”, dado que a satisfacción tanto por parte das empresas como dos bolseiros “é xeneralizada”.
No mes de setembro está previsto que se proceda á adxudicación das máis de 400 bolsas que quedan pendentes e que terán destino nunha das preto de mil empresas que solicitaron participar neste programa e que nestes momentos están en fase de valoración.
A contía da bolsa é de 800 euros para titulados universitarios e de 700 para titulados de FP, que serán financiados integramente pola Deputación, que tamén correrá cos gastos dos correspondentes recoñecementos médicos.











