A Deputación da Coruña mostrará o patrimonio industrial de Ferrol en todos os eventos de turismo alternativo e cultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Diego Calvo, como presidente da RETI e tamén como presidente do comité organizador do V Congreso de Turismo Industrial e III Crossroads of Europe, fixo un balance da celebración deste evento en Ferrol. 

Fíxoo acompañado do alcalde José Manuel Rei, e ambos coincidiron en que as conclusións son “máis que satisfactorias” tanto no que respecta ao número de inscritos, máis de 400, como á resposta dos participantes ás actividades paralelas organizadas.

Así, citou o éxito da Ruta da Construción Naval e da Ruta Conserveira. Ambas, segundo explicou Calvo, tiveron que manterse durante dúas xornadas para dar resposta á demanda, xa que o número de prazas cubriuse “semanas antes de que comezase o Congreso”. “Isto confirma que hai demanda real para a nosa oferta”, matizou o titular da Deputación Provincial, que confirmou que o respaldo de organismos como a Comisión Europea ou a Organización Mundial de Turismo vén confirmar que, a partir de agora, “o patrimonio industrial de Ferrol estará presente en todos os eventos ou congresos sobre turismo alternativo que se celebren en Europa”.

De todos os xeitos, Diego Calvo quixo insistir na idea de que o Congreso foi “só un primeiro paso” de face aos obxectivos que se buscan. “Esta non é a nosa meta, xa que o que queremos é que Ferrol se consolide como un referente do turismo industrial internacional, e para iso seguiremos traballando”, expuxo.

Para iso, engadiu, será necesario contar coa colaboración das empresas privadas, ás que quixo agradecer a súa implicación no evento europeo celebrado durante a pasada semana en Ferrol. “Sen o apoio de empresas como Navantia, Inditex, Reganosa, Sargadelos.. ou o Arsenal e Exponav, nunca puidésemos celebrar un Congreso como este”, sinalou.

Finalmente, felicitouse polo elevado número de persoas que asistiron aos diferentes relatorios e mesas de traballo, xa que, dixo, “son persoas que coñeceron a nosa cidade, que falarán dela nos seus países de orixe e que, seguramente, elixan Ferrol ou calquera punto da comarca visitado para organizar as súas próximas vacacións”. O mesmo apuntou para refererise aos máis de trinta medios de comunicación que se acreditaron para cubrir e informar o desenvolvemento das diferentes actividades.

Retorno económico

O alcalde de Ferrol, pola súa banda, cifrou a ocupación hoteleira durante os días de Congreso en algo máis do 90% e asegurou que, tendo en conta que cada congresistas pode facer un gasto duns 200 euros diarios na cidade, o retorno económico pódese situar nuns 330.000 euros.

“De todos os xeitos, non só valoramos esta cifra, xa que estou seguro de que co paso do tempo iremos notando o efecto que tivo sobre o turismo este importante evento”, asegurou José Manuel Rei, que agradeceu á Deputación da Coruña “a súa implicación desde o minuto cero para que o Congreso Europeo de Turismo Industrial puidese celebrarse na nosa cidade”.

23 de xuño de 2014 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.