publicidade hoxe

A Deputación da Coruña destina 100.000 euros á reparación da cuberta do polideportivo municipal de Laxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLaxe
A-
A+

O presidente da Deputación, Diego Calvo, asinou hoxe un convenio de colaboración co alcalde de Laxe, Antón Carracedo, polo cal a institucional provincial destinará 100.000 euros á reparación e acondicionamento da cuberta do polideportivo do municipio.

A Deputación faise así cargo do 100% do orzamento da obra que inclúe a cubrición e o saneado da estrutura, actualmente en moi mal estado. En concreto, os traballos consistirán na substitución de canelóns, baixantes e da chapa da cuberta. Instalarase unha estrutura metálica cunha pintura illante e nove lucernarios de paneis translúcidos.

Durante o encontro desta mañá, o rexedor defendeu a importancia desta actuación,  xa que intervirá sobre unhas instalacións moi utilizadas polos veciños do municipio. Non só as escolas deportivas se desenvolven neste polideportivo, senón que tamén os alumnos do colexio fan uso destas. En total, o rexedor calcula que arredor do 15% da poboación goza deste polideportivo.

“Era unha reforma moi necesaria, tras varias pequenas intervencións que non solucionaron as goteiras”, sinala Carracedo, que pretende desenvolver as obras durante o verán para que así o recinto estea reparado para o novo curso escolar.

Diego Calvo, pola súa banda, mostrouse satisfeito de colaborar cun proxecto que chegará aos veciños de Laxe, aos que animou a darlle bo uso e gozar do polideportivo, unha vez reparado.

3 de xuño de 2014 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.