A Deputación da Coruña crea unha central de contratación que dará servizo aos concellos
O pleno da Deputación da Coruña aprobou esta mañá a posta en marcha dunha central de compras e contratación pioneira en Galicia á que poderán adherirse voluntariamente todas as entidades locais da provincia que o desexen.
Así, os deputados autorizaron o texto do convenio que poderá asinar a Deputación cos concellos na procura de tres grandes obxectivos: aforrar custos a través de contratacións centralizadas; simplificar a tramitación na contratación de obras, subministros, bens ou servizos; e obter unha ferramenta útil para as entidades locais con menos recursos materiais e personais.
Este servizo que ofrece a Deputación será gratuíto para as entidades locais e, segundo explicou o titular provincial, Diego Calvo, se está a buscar unha redución “significativa” nos custes das compras tanto para os concellos como para a Deputación. Ademais, engadiu, estase a “racionalizar e axilizar” todo o proceso de adxudicación de contratos a través de acordos marco e sistemas dinámicos de contratación. “Isto que aprobamos hoxe é algo máis que unha central de compras ao uso, xa que estamos a falar dunha ferramenta e un instrumento básico para a administración, sobre todo polo aforro que suporá grazas ás economías de escala e porque ofrece total seguridade xurídica para os concellos”, explicou durante o pleno o deputado popular Carlos López Crespo.
Pola súa banda, o presidente Diego Calvo presentou a central como “un novo xeito de continuar a colaboración desta Deputación cos concellos”, á vez que salientou o feito de que “a súa posta en marcha non suporá ningún custo para ninguén e ten un carácter completamente voluntario para os concellos”.
Unha vez aprobado o texto do convenio, será cada entidade a que se adhira a el voluntariamente, e a partir de aí poderá beneficiarse das labores de mediación, xestión da contratación e tramitación de pedidos e servizos, así como do control do contrato por medio da prestación da adecuada asistencia.
Carácter pioneiro
Esta é a primeira vez que se pon en marcha unha central de contratación deste tipo na comunidade autónoma e o seu funcionamento pasa pola tramitación das licitacións pola central, xa se trate de obras, subministracións ou servizos. E a partir de aí os concellos poden sumarse ás contratacións que lles interese nun momento determinado.
Deste xeito, lógrase unha importante redución nos trámites administrativos (o prego de cláusulas técnicas e administrativas é único para todos os concellos) á vez que un aforro económico que virá dado polas previsibles ofertas axustadas das empresas subministradoras, toda vez que a súa proposta chegará a todas as entidades locais da provincia.
Primeira fase do DTC93
Ademais, tamén na sesión plenaria desta mañá aprobouse por unanimidade a primeira fase do plan DTC93, cun investimento de preto de 4 millóns de euros para os 25 concellos que xa presentaron os seus proxectos.
Axuda aos plans de competitividade turística
Outro dos asuntos que se debateu esta mañá no pleno foi o relativo aos convenios que a Deputación asina cos concellos de Santiago, Ferrol e A Coruña para ao financiamento dos seus plans de competitividade turística.
No caso de Santiago, finánciase a promoción en feiras de turismo, presentacións, workshops, plans de acollida e atención a visitantes, eventos gastronómicos, accións de dinamización ou o mantemento dun portal web con edición de contidos e recollida, análise e tratamento de datos. A achega provincial é de 115.000 euros, o que supón o 80% do orzamento total.
Para a cidade de Ferrol, a achega suma 85.000 euros, que irán destinados ao financiamento do plan formativo do sector turístico, a organización de eventos e feiras e todo o relacionado con accións dirixidas á promoción e consolidación de Ferrol como destino turístico.
Finalmente, e segundo o convenio aprobado esta mañá, a Deputación aportará 105.000 euros a diferentes accións de promoción e dinamización turística na Coruña, como son o concurso de tapas Picadillo, o evento Cascarilla e Chocolate ou Accións Saborea España.
Os gastos a financiar por parte da institución provincial son os derivados destas acción, así como a edición dun folleto da Torre de Hércules, guías gastronómicas ou material divulgativo sobre o turismo na cidade.











