A departamento de Educación de Mos promove un curso de verán para recuperar asignaturas da ESO
A concelleira de Educación mosense, Kely Monzón, informa de que xa está aberto o prazo de inscrición para a actividade de reforzo educativo para estudiantes da ESO.
A concellería de Educación e Participación Cidadá do Concello de Mos propón de cara a este verán un programa de reforzo educativo para alumnado da ESO que necesite recuperar algunha materia nos exames de setembro.
Esta actividade estará baseada nunha acción formativa deseñada no desenvolvemento de coñecementos formativos en canto ás materias suspensas, cunha parte fundamental de técnicas de estudo e motivación para o estudo. O obxectivo principal é asegurar os resultados a corto prazo na seguinte convocatoria de exames.
A proposta basearase nun programa de actividades prácticas e teóricas segundo os contidos concretos das materias foco de atención. Ademais como valor engadido, pero de maneira transversal, daranse pautas de traballo e aspectos básicos sobre as técnicas de estudo e motivación.
Este programa será impartido por profesionais titulados para garantir a calidade da formación. As materias para as cales se ofrecerá dita formación serán: castelá, galego, matemáticas e inglés. A selección destas materias estableceuse tendo en conta os datos estatísticos de materias suspensas por curso escolar.
As persoas que poderán beneficiarse deste programa son alumnado do IES de Mos que estivera realizando no curso académico 2013-2014, algún dos niveis da educación secundaria obrigatoria (1º, 2º, 3º ou 4º da ESO), e lle quedara algunha das materias propostas neste programa (galego, castelá, inglés e/ou matemáticas) para recuperar na avaliación extraordinaria que terá lugar no mes de setembro.
Para poder acceder a esta actividade establécese un prazo de inscrición que abrangue dende hoxe 23 de xuño ata o 4 de xullo. Neste prazo as persoas interesadas deberán cubrir unha solicitude de inscrición que poderán recoller no Rexistro do concello, no Multiusos ou na web. Posteriormente, dentro do prazo establecido deberán entregala no Rexistro ou no Multiusos. Nesta solicitude marcarían expresamente as materias nas que terían interese de participar.
Ó finalizar o prazo de inscrición, dende o 7 ao 8 de xullo, realizarase o proceso de valoración e creación de grupos por materia seguindo rigorosamente a orde de entrada no Rexistro do Concello. Aquelas materias que non cubran o mínimo de participantes non se realizarán.
Finalmente, o 9 de xullo farase pública a lista de admitidos/as, na cal se fará constar os datos do/a alumno/a e as materias concedidas xunto co horario. Esta será colgada na web do Concello, e nos taboleiros do Multiusos e do Rexistro.
Esta actividade realizarase nas aulas do Multiusos do Concello de Mos. O curso terá unha duración 7 semanas, comezando o día 14 de xullo ate o 28 de agosto, en horario de mañá, de 9:00 horas a 13:30 horas.











