A demarcación de costas renova a varanda do paseo marítimo de Caión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Demarcación de Costas do Estado en Galicia -organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente- está a realizar labores de mantemento e conservación da varanda do tramo urbano do paseo marítimo de Caión, en concreto desde o edificio da Confraría de Pescadores, xunto á céntrica praza Eduardo Vila Fano, ata a zona do Campo da Ínsua, nunha distancia duns cincocentos metros.

Os traballos comezaron coa retirada das estruturas metálicas, fase que aínda se está executando nestes momentos. Para garantir a protección dos viandantes, no seu lugar foron colocados temporalmente valados plásticos que reforzan a seguridade no borde do paseo marítimo.

Durante os próximos días todos os elementos metálicos retirados serán reparados e recibirán un tratamento para eliminarlles o óxido, impurezas e sucidade antes de aplicarlles a pintura para, por último, recolocalos no seu correspondente emprazamento cun aspecto xa renovado e idéntico ao que presentaban orixinalmente, cando foran instalados na senda peonil hai agora case dúas décadas.

Deste xeito, ademais de reforzarse a seguridade, esta actuación mellorará a estética nun tramo moi frecuentado por peóns, especialmente no verán por tratarse dunha importante zona a nivel turístico, pero tamén ao longo do resto do ano, ao ser un ámbito de carácter residencial.

A Demarcación de Costas do Estado en Galicia tamén ten previsto desenvolver outras actuacións na zona da praia e no sendeiro peonil co obxectivo de reparar certos danos provocados polos temporais que soportou a costa galega durante o inverno. Entre as obras previstas, cabe salientar a reconstrución dunha das escaleiras de madeira que dá acceso ao areal desde o paseo marítimo. A outra, a que parte do miradoiro de O Caracoleiro, está a ser reconstruída polo Concello da Laracha con fondos propios municipais.

21 de xuño de 2014 | 20:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.