A Delegación Territorial da Xunta na Coruña súmase á colecta da AECC

Belén do Campo na visita á mesa da AECC
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe na Coruña a mesa instalada pola Asociación Española contra o Cancro na entrada do edificio administrativo da Xunta en Monelos, con motivo da colecta anual a prol da entidade.
A máxima representante do Executivo autonómico na Coruña trasladou aos representantes da organización, que na nosa provincia preside Elena Viturro, o apoio ao seu labor e aproveitou para facer un recoñecemento ao grande esforzo feito polos familiares destes pacientes e polos profesionais da asociación na que se integran, “cos que é necesario traballar e colaborar”.
Seguindo o lema da campaña deste ano: “Alto e claro contra o cancro: Investigación”, os fondos recadados pola Asociación Española Contra o Cancro serán destinados á investigación desta doenza. Dende o ano 2009, a entidade leva destinados case 25 millóns de euros a este fin e conta con 144 proxectos de investigación oncolóxica.











