A defensa de Rosario Porto solicitará a ampliación do informe sobre as imaxes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A defensa de Rosario Porto, o letrado José Luis Gutiérrez Aranguren, pedirá ao Xulgado de Instrución número 2 de Santiago de Compostela que solicite a ampliación do informe da Garda Civil sobre as imaxes recuperadas no computador e o móbil de Alfonso Basterra.

Á espera de ver o contido das fotografías, o letrado avanzou a súa intención de pedir ao xulgado a citada ampliación para que, entre outras cuestións, se especifique de que dispositivo electrónico se obtivo cada unha das imaxes. Ademais, precisou que, en principio, “non parece ter relación algunha co caso”.

Segundo confirmaron fontes da investigación, recuperáronse imaxes de Asunta Basterra, a nena cuxo cadáver foi achado nunha pista forestal o pasado mes de setembro, que foran borradas do computador e do móbil do seu pai adoptivo, Alfonso Basterra.

O material gráfico foi remitido nos últimos días ao Xulgado de Instrución número 2 de Santiago de Compostela, e foron incorporadas á causa, xunto con outras de “contido sexual” de mulleres de trazos asiáticos. O xulgado entregou este mércores a serie de imaxes e o correspondente informe pericial ás partes.

“DROGADA”

As fontes consultadas sinalaron que as imaxes nas que pode verse a Asunta Basterra son “difíciles de explicar nun pai” porque desprenden “certo contido sexual” pola súa indumentaria e as posturas que presenta e mesmo nalgunhas a nena “ten un aspecto coma se estivese drogada”.

En calquera caso, as fontes consultadas indicaron que as imaxes “non é algo que poida constituír unha proba directa” sobre a morte da menor, pero a Fiscalía e a acusación popular poderían solicitar a apertura dunha nova liña de acusación, que se podería relacionar co achado que se fixo de ADN de Basterra nas bragas da súa filla adoptiva.

5 de xuño de 2014 | 14:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.