A cultura portuguesa protagonizará as Festas de Ourense do 20 ao 29 de xuño
As Festas de Ourense do ano 2014 xa están á volta da esquina. Desde a tarde do próximo venres 20 e ata o domingo día 29 as rúas se encherán de ambiente festivo coa chegada de festivais, música, teatro, feiras culturais ou actividades infantís, propostas dirixidas a toda a cidadanía. A concelleira de Cultura, Ana Garrido, o técnico de Cultura, Manuel Freire, e o autor do cartaz das festas desta edición, Baldomero Moreiras, presentaron esta mañá a programación deseñada pola Concellería de Cultura.
A cultura portuguesa estará presente en moitas das actividades programadas, con motivo da capitalidade cultural do Eixo Atlántico que corresponde á nosa cidade neste ano 2014. Haberá moita música (Derrame Rock, Ourense Dance, banda municipal, flamenco, folk rock, jazz…), xogos, títeres e espectáculos infantís, teatro de rúa, microteatro, baile, danza oriental, exposicións permanentes nos espazos culturais, deportes (ximnasia, kick boxing, ciclismo, balonmán, fútbol, waterpolo…) ou os tradicionais fogos artificiais, entre outras moitas actividades
Ana Garrido, concelleira de Cultura, desglosou algunha das propostas, coma o concerto de voces búlgaras na Praza Maior, o pregón a cargo de Elena Espinosa, o Derrame Rock, ou a variedade musical ofrecida. O principal é, para Ana Garrido, “encher as rúas de ambiente. O Paseo, o Xardín Padre Feijóo, Bispo Lourenzo, espazos magníficos que temos e que estes días contribuirán na dinamización da cidade”.
“Cumpriremos tamén”, continuou, “co noso papel como capital cultural do Eixo Atlántico”. A cultura portuguesa estará moi presente na feira cultural, na música, ou na batalla de flores (coa presencia de cabezudos e xigantes no seu percorrido entre a Praza Maior e o Parque de San Lázaro).
Baldomero Moreiras, autor do cadro das festas
Trala boa acollida do deseño do pasado ano, o artista Baldomero Moreiras repetiu como autor do cadro que compón o cartaz das Festas deste ano. O propio artista describiu na presentación desta mañá as claves do deseño, que foi elaborado con cartulinas recortadas, nunha estética que recolle fogos artificiais, a catedral e siluetas da cidadanía desfrutando das festas.











