A Coruña prevé unhas 140.000 persoas no San Xoán da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

A Coruña prepárase para gozar este luns da noite de San Xoán nas praias da cidade, onde se prevé que se dean cita unhas 140.000 persoas, para festexar que “volve a noite máis desexada do mundo”, segundo recolle a campaña publicitaria local deste ano.

Baixo o lema ‘San Xoán is back’, e con frases como ‘Volve a noite onde Coruña ilumina ao mundo’, a cidade herculina chama a gozar dunhas festas, que aspiran a ser de Interese Turístico Internacional.

Un ano máis, a noite de San Xoán tinguirá de lume a cidade coruñesa. En concreto, o Concello deu permiso para 367 lumes -entre cacharelas e brasas coas que facer sardiñadas e churrascadas-.

As praias de Riazor e o Orzán volverán ser o epicentro da festa desta noite, na que se prevé unha afluencia de público similar á do ano pasado, cando se reuniron 140.000 persoas nos areais coruñeses.

MOBILIDADE

Por iso, para a ocasión, desenvolveuse un amplo dispositivo de seguridade e organización. Así, este luns o Paseo Marítimo reservarase os peóns dende as sete da tarde e, por primeira vez, porá a disposición dos cidadáns oito liñas especiais de autobús que conectarán a praza de Pontevedra cos distintos barrios.

Ademais, para facilitar a mobilidade a aquelas persoas que acudan á cidade herculina, estarán dispoñibles aparcamentos disuasorios no Coliseum-Carrefour, con capacidade de 1.200 prazas, e o do Centro Comercial Marineda, con 3.000, atendidos por buses lanzadeira dende a praza de Pontevedra.

SEGURIDADE

O dispositivo total de San Xoán contará con 366 efectivos, os mesmos que en 2013, e 92 máis que en 2012, e os mesmos medios de seguridade e atención de emerxencias que o ano pasado, que inclúen 188 efectivos municipais e 5 postos de atención, 13 ambulancias atendidas por Protección Civil, Cruz Vermella e o 061; 8 vehículos de Bombeiros e patrullas móbiles da Policía Local e da Policía Nacional.

A coordinación farase dende o Centro Móbil de Coordinación situado en La Coraza, operativo dende as 18.00 horas, e que este ano contará cun dispositivo de vídeo-vixilancia para apoiar o labor dos efectivos de emerxencias e seguridade, cun Centro de Control e o despregamento doutras 10 cámaras portátiles que se situarán en puntos fixos do paseo marítimo.

23 de xuño de 2014 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.