A Coral Polifónica Atalaia de Laxe actuará en Aveiro
Este último fin de semana de xuño, a Coral Polifónica Municipal Atalaia de Laxe desprazarase ata Aveiro-Portugal onde actuará no marco do CONCERTO CORAL XLV ANIVERSARIO DA CORAL VERA CRUZ DE AVEIRO – PORTUGAL.
A actuación terá lugar o sábado 28 de xuño ás 16 horas nos Claustros do Museo de Aveiro.
Ademais da nosa coral, participarán no concerto tamén as seguintes formacións ou masas corais:
– CORAL VERA CRUZ- AVEIRO
– GRUPO CORAL OS ALENTEJANOS DO CARTAXO
A nosa coral levará ata o país veciño un amplo repertorio composto por un total de 7 temas, entre os que se atopan:
– 1ª CANTIGAS DA TERRA E DO MAR
– 2ª LA NUIT
– 3ª BALAIAO
– 4ª LA SIRENA
– 5ª BULLERENGUE
– 6ª PALOMA MENSAJERA
– 7ª FOLIADA DO RUEIRO
A saída dos e das coralistas de Laxe está programada para as 7:00 horas da mañá do mesmo sábado con rumbo directo ó hotel onde se aloxarán para logo xantar e xa prepararse para o concerto.
Mais despois do concerto, os/as nosos/as coralistas, terán tamén tempo para o lecer e o esparcimento polo país veciño. En concreto, o domingo teñen previsto facer unha viaxe en barco percorrendo os canais da “Veneza portuguesa” e posteriormente, dirixiranse a Viana do Castelo onde terán o xantar. Pola tarde, e xa de camiño de regreso, farán unha parada turística en Tui.
Mais eiquí non remata o programa de actuacións da nosa Coral Polifónica Municipal Atalaia de Laxe. Nos vindeiros meses do ano, a coral terá outras citas importantes, como son:
No vindeiro mes de xullo, como de costume, formará parte directa, xunto co Departamento de Cultura do concello da organización e coa Asociación de Amigos da Coral Polifónica Municipal Atalaia de Laxe, no XII Certame da Canción Mariñeira que terá lugar en Laxe, o domingo 27, onde nos sorprenderá con novos temas.
En agosto, en concreto o sábado 2, viaxarán ata Cedeira formando parte do Concerto que terá lugar neste concello e tan só, unhas semanas despois, o 20 de setembro, actuará na Illa de San Simón en Redondela.
Para rematar o ano, e de momento, a Coral Polifónica Municipal terá outras dúas actuacións: o sábado 22 de novembro estará no Festival de Santa Cecilia en Bertamiráns e en decembro tomarán parte activa no Festival de Panxoliñas que terá lugar no Concello de Laxe o sábado 13.