A construción do pavillón do Ceip Otero Pedrayo da Laracha será adxudicada en 460.000 euros
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou clasificar en primeiro lugar a oferta presentada pola empresa Unika Proyectos y Obras, SAU no procedemento para adxudicar a construción do pavillón polideportivo do CEIP Otero Pedrayo da Laracha.
Foi a proposta da Mesa de contratación, que previamente analizou e valorou as vinte e unha ofertas presentadas, sendo a da citada sociedade a máis beneficiosa para o Concello, situándose na cifra de 460.268,48 euros (IVE engadido), o que supón unha baixa do 24% con respecto ao orzamento máximo de licitación.
Por tanto, o proxecto será adxudicado nos próximos días. A pretensión do goberno local da Laracha é completar os trámites administrativos o antes posible para que os traballos poidan iniciarse a principios do mes de xullo, aproveitando o cese de actividade no centro debido ás vacacións de verán para acometer as fases máis laboriosas das obras, cuxo prazo de execución é de cinco meses.
A actuación consiste na cubrición, o cerramento e a construción das bancadas nas pistas polideportivas do interior do centro educativo. Contémplase, así mesmo, a creación de dous aseos (masculino e feminino), almacéns e un acceso que comunicará directamente a instalación deportiva co edificio de primaria do colexio. En total, a superficie que quedará pechada alcanzará os 1.400 metros cadrados.
Ademais de ofrecer unha instalación cuberta á comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo, este pavillón será o quinto polideportivo municipal e estará a disposición do Concello da Laracha fóra do horario lectivo para usos de interese xeral da veciñanza do municipio.
Campos de traballo
Na reunión do goberno tamén foi adxudicada a xestión dos dous campos de traballo internacionais que se desenvolverán ao longo do verán no termo municipal da Laracha.
Cabe lembrar que a iniciativa do río Bradoso realizarase do 15 ao 29 de xullo e a do río Acheiro, do 1 ao 15 de agosto. As actuacións previstas consistirán no desenvolvemento de técnicas de acondicionamento e mellora das concas dos ríos, a identificación da flora, sinalización dos roteiros para realizar a pé e o coñecemento do funcionamento e as partes dos muíños de auga, así como as costumes e tradicións dos seus usos. Ademais, levaranse a cabo unha serie de actividades complementarias, como diversos tipos de obradoiros, práctica de modalidades deportivas e visitas didácticas.
Para cada campo de traballo ofertáronse vinte prazas. Do total de corenta soamente restan doce por cubrirse. O programa vai dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos de idade e organízase coa colaboración económica da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia no marco do da Acción de Verán 2014.











