A Concellería de Cultura de Ourense conmemora as letras cunha Festa da Poesía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense conmemora esta semana as nosas letras con diversos actos dentro do marco da Feira do Libro que se está a desenvolver na Alameda do Concello. Este ano, a Concellería de Cultura organiza máis actividades que se integran, no programa de Ourense como Capital Cultural do Eixo Atlántico.

Por un lado cabe subliñar que nesta edición a Feira conta un posto do Eixo Atlántico. Neste lugar, comparten espazo a universidade e varias librerías da cidade portuguesa de Vila Real.  

Hoxe mércores a partir das 20 h, terá lugar no espazo da Feira a presentación da edición impresa da obra gañadora do Premio Risco de Creación Literaria no pasado 2013 – XIV edición -. Trátase da obra de Rubén Martínez Alonso, que leva por título As escaleiras do Gran Hotel.

Para o venres día 6, á tarde hai unha axenda importante de actos que terán lugar na Alameda e no Liceo. En primeiro lugar, a media tarde decídese no Liceo a obra gañadora do Premio de Poesía Cidade de Ourense, que neste 2014 acada a XXX edición. O xurado está composto por Amadeu Baptista – gañador da edición do 2013 -, Miguel Anxo Fernán Vello, Millán Picouto, Irene Veiga Durán.

Máis tarde, o mesmo venres ás 20 h preséntase na Feira do Libro a edición impresa da obra gañadora do Premio de Poesía Cidade de Ourense do pasado 2013 – XXIX edición -. Un pouco acima da miséria, que como se explica anteriormente é do escritor portugués Amadeu Baptista.

O seguinte escenario será a o Liceo de Ourense, onde a partir das 21.30 h comeza a Festa da Poesía, organizado pola concellería de Cultura. Ten un custe de 10 euros, e haberá petiscos e a todas as persoas agasallaráselles cun exemplar da obra de Amadeu Baptista.

As 22.30 h comezará unha actuación musical cos artistas Héctor Lorenzo e Santi Cribeiro – do grupo Berrogüetto -, que interpretarán poemas de Díaz Castro entre outros.

4 de xuño de 2014 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.