A Concellería de Benestar Social de Ferrol achega 15.000 euros á Asociación Sociocultural de Minusválidos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou esta mañá un convenio de colaboración co presidente da Asociación Sociocultural de Minusválidos (ASCM), Ángel Garate Roca. A Administración municipal achega 15.000 euros coa sinatura deste acordo para contribuír ao desenvolvemento de actividades de incorporación social, inserción laboral, transporte adaptado e gastos de funcionamento da entidade. No acto de firma tamén estivo presente a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro.

Na súa intervención, o rexedor municipal destacou a importancia do acordo de cooperación “para conseguir unha mellor atención a un colectivo prioritario”. Jose Manuel Rey quixo encomiar o gran traballo realizado pola Asociación Sociocultural de Minusválidos dende a súa fundación no ano 1987, “e que esta Corporación Municipal recoñeceu coa Insignia de Ouro de Ferrol”. O convenio de colaboración rubricado hoxe permitirá o desenvolvemento de actividades e servizos de información, orientación e asesoramento; o transporte adaptado; actividades de promoción da autonomía persoal e o fomento da vida independente; obradoiros grupais de habilidades sociais; promoción de grupos de autoaxuda; educación de adultos; novas tecnoloxías e cultura xeral; e actividades de sensibilización social e promoción do voluntariado especializado. Ademais, o primeiro edil da cidade resaltou o programa “Peciños” co que a ASCM acadou o VI Premio Solidario de Ferrol “e que permite sensibilizar dende a escola de que todos somos iguais e debemos ter as mesmas oportunidades” dixo.

Pola súa banda, o presidente de ASCM quixo agradecer a colaboración da Corporación Municipal de Ferrol “por estar sempre connosco e co noso traballo”. Así mesmo, explicou que a entidade conta cun grupo permanente de 50 voluntarios “que traballa ao 100%”.

10 de xuño de 2014 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.