A comisión en defensa do partido xudicial de Monforte celebrará un acto informativo o 4 de xullo
Na reunión celebrada no día de onte na Casa do Concello de Monforte, a comisión en defensa do partido xudicial decidiu celebrar un acto informativo o vindeiro día 4 de xullo.
Este acto, que se celebrará no auditorio do Edificio Multiusos de Monforte ás 20:30 horas do citado día, está dirixido á cidadanía de tódolos concellos do partido xudicial e ten como obxectivo difundir entre a veciñanza as consecuencias que tería a supresión do partido xudicial.
Segundo acordou onte a comisión, dende o concello de Monforte enviaranse invitacións ós alcaldes do partido xudicial para que asistan a este acto informativo no que tamén participará o Decano do Ilustre Colexio de Avogados de Lugo, J. Félix Mondelo Santos.
Na reunión celebrada onte participaron representantes de partidos políticos, sindicatos, asociacións veciñais e profesionais da xustiza. Á mesma foran convocados os voceiros dos tres grupos políticos da Corporación Municipal, así como representantes de AGE, dos sindicatos, dos profesionais da xustiza e de asociacións veciñais. As únicas ausencias foron as dos representantes de CC.OO. e a CIGA.











