A comisión de Monforte para o deslinde con Sober visita a zona obxecto de desacordo
A comisión creada no concello de Monforte para definir o deslinde dos termos municipais de Monforte e Sober, na zona do polígono industrial do Reboredo, inspeccionou hoxe a área na que non existe acordo entre os dous concellos.
A comisión intégrana o alcalde, Severino Rodríguez, que exerce de presidente, un representante de cada grupo político (Mª Xosé Vega do BNG, José Manuel Puga do PP e José Tomé do PSOE), o aparellador municipal, Ángel Encinar, e o secretario do Concello, José Mª Baños, que actúa como tal. A comisión conta co asesoramento, tal e como marca a lei, de dous veciños de avanzada idade que poidan ter coñecemento da situación das lindes en tempos pretéritos, neste caso dous veciños da parroquia de Piñeira. Estas persoas, xunto con dous axentes da Policía Local, como tamén indica a norma, foron os encargados de supervisar a zona do conflito en busca de indicios que poidan determinar a situación dos límites municipais entre estes dous concellos.
O concello de Sober foi o que promoveu un expediente de deslinde sen lograr un acordo co concello de Monforte para que as comisións de ambos municipios actuasen conxuntamente. Sober puxo unha data que non conviña a Monforte, o día 23 de abril, non aceptando cambiala a pesares de que o concello de Monforte lle solicitara un aprazamento. A petición de Monforte amparábase na recente incorporación do actual secretario municipal e a falta de tempo para que este funcionario tivese coñecemento do asunto.
Monforte non puido participar e, polo tanto, formou a súa propia comisión, xa que a lei prevé que se poden levantar actas separadas. Monforte non pode admitir que figure oficialmente nun expediente o que aparece reflectido na acta do concello de Sober, “por parte del ayuntamiento de Monforte de Lemos no comparece representante alguno”, xa que isto daría a entender que a Monforte non lle interesa ou non lle preocupa o deslinde.
A acta que elaborará o concello de Monforte será enviada á Consellería de Presidencia e, se non hai acordo entre as dúas partes, acabará sendo remitida ó Instituto Xeográfico Nacional, organismo ó que corresponden as competencias legais nesta materia e que será o que deba decidir.
A actuación da comisión do concello de Monforte axustouse ós termos que marca o expediente do concello de Sober, e dicir, ocupouse da situación dos fitos 2 e 3. Sober di no seu expediente que non atopou o fito número 2, pondo como referencia un cruzamento de estradas. Monforte, con dúbidas, indicará que o nº 2 pode ser un fito que se sitúa nas proximidades do citado cruzamento (zona do desvío para Santiago na estrada N-120).
A comisión de Monforte non puido acceder hoxe ó fito nº 3, que Sober xa atopou e que se sitúa na zona do polígono industrial do Reboredo.
O problema das lindes entre Monforte e Sober xa se fai constar nunha acta do ano 1934, onde se fala de desacordo en canto á situación de varios fitos, entre eles os que nos ocupan na actualidade, os números 2 e 3. Nesa acta queda sen solucionar a liña xeométrica entre estes dous fitos, unha liña que non ten por qué ser recta. Se fose así xa se tería definido no ano 1934.
Segundo a opinión dos veciños que acompañaron ós membros da comisión monfortina, os límites do termo municipal de Monforte “ían máis alá de onde hoxe Sober non quere que vaian”.
Estamos diante dun problema que leva 80 anos sen resolver e que, segundo reflicte a acta de 1934, continúa co mesmo punto de desacordo: a liña xeométrica entre os fitos 2 e 3. Xa naquel entón o instituto Xeográfico trazou unha liña provisional con finalidade exclusivamente planimétrica, deixando claro que a citada liña non podía nin podería prexudicar as reclamacións existentes ou futuras sobre os lindes entre ambos concellos.
A comisión do concello de Monforte agarda rematar o seu traballo a vindeira semana, unha vez que localice o fito nº 3 e que elabore a acta das súas actuacións, remitíndoa posteriormente á Consellería de Presidencia.











