A comisión de festas de San Andrés de Barciela – Sigüeiro presenta a súa renuncia
O Concello de Oroso informa da recepción dunha notificación dos membros da comisión de festas de San Andrés de Barciela-Sigüeiro no que informan da disolución da comisión “debido á escasez de colaboración por parte da meirande parte do veciñado” e a súa decisión de deixar feita a Festa de Santa Eufemia (16 de setembro) pero non a do Sacramento (último domingo de agosto, é dicir, 30 e 31 de agosto). Os membros da recén disolta comisión de festas ofrécese a axudar a todas aquelas persoas que queiran asumir o mando dunha nova comisión. O contido da notificación recibida polo Concello de Oroso é o seguinte:
NOTIFICACIÓN DA COMISIÓN DE FESTAS SAN ANDRÉS DE BARCIELA-SIGÜEIRO.
Reunidos os escasos membros que formamos a comisión de este ano, queremos informar á comunidade de veciños desta nosa parroquia e a todos aqueles que durante anos se achegan por aquí nas datas das festas patronais, que debido á escasez de colaboración por parte da meirande parte do veciñado, tanto económica coma organizativa, desfarase o actual grupo da comisión de festas, que deixará feita coma a súa última labor, a festa da Santa Eufemia o 16 de septembro, sendo posible grazas a colaboración da parroquia da Barciela, Benavente e demais veciños do arredor, pero non a do Sacramento ( por falta de tempo,membros e colaboradores económicos ), e deixando paga as deudas acumuladas do ano anterior.
Deste xeito a comisión queda libre de cargos e á disposición de todo aquel que desexe e sexa capaz de asumir o mando e formar unha nova comisión, nese caso os antigos membros estaremos a disposición deles para solucionar calqueira dúbida.
Pregamos que disculpen as molestias a xente que sí lle da importancia a todo este asunto, e que leva colaborado ata agora, nós esforzámonos por facer todo o que puidemos ata o momento pero por desgraza non somos suficientes.











