A comisión de desafiuzamentos busca solucións para deter o expediente a unha familia dos Duráns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A comisión de desafiuzamentos que preside a concelleira de Servizos Sociais do Concello celebra mañá unha reunión co obxectivo de buscar solucións para deter o expediente de desafiuzamento iniciado por unha entidade bancaria e que afecta a unha familia dos Duráns. Responsables da sucursal bancaria participarán na xuntanza que terá lugar no Concello a partir das 12:30 horas e na que ademais da concelleira e representantes dos grupos da Corporación Municipal e da Alpa que forman parte da comisión, participarán no encontro a asesora xurídica do Concello que se encargan deste tipo de problemática.

A de mañá, será a segunda reunión da recén creada Comisión de Desafiuzamentos que, con esta familia dos Duráns, afronta o seu primeiro caso no municipio. O resultado do primeiro encontro foi bastante tranquilizados posto que, coa documentación na man, comprobouse que non existía risco inminente de desafiuzamento porque o procedemento atópase nunha fase moi inicial e a súa tramitación para obter unha resolución definitiva é aínda moi longa.

Non obstante, nese encontro, no que membros da comisión e técnicos de Servizos Sociais asesoraron á parella afectada, acordouse contactar co banco e seguir traballando na procura de alternativas que paren o procedemento e eviten o desafiuzamento. Nun primeiro contacto, os responsables da entidade bancaria amosaron unha excelente disposición para colaborar na procura de solucións satisfactorias para ámbalas dúas partes.

5 de xuño de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.