A Comisión de Aqualia analiza os informes dos técnicos municipais
Na tarde de onte volveu reunirse no Concello, tal e como estaba previsto, a Comisión Informativa Especial sobre a concesión á empresa AQUALIA do servizo de abastecemento de auga e saneamento.
Á reunión asistiron tódolos integrantes da Comisión: Severino Rodríguez, Mª Xosé Vega, Pilar López e Antonino Luaces polo BNG; Julia Rodríguez, José Manuel Puga e Purificación Argiz polo PP; Gloria Prada e Guillermo Rodríguez (suplente de José Tomé) polo PSOE.
A Comisión aprobou por unanimidade a acta da sesión que celebraron o 9 de xuño de 2014, e analizou os informes sobre os posibles incumprimentos da empresa presentados polos técnicos municipais de Medio Ambiente, Servizos Municipais, Intervención – Contratación e Aparellador.
Tódolos grupos solicitaron que se ampliase a información nalgúns apartados destes informes.
O PP solicitou, entre outros asuntos, que se ampliase a relativa ó informe presentado polos técnicos de Contratación e Servizos, no que se sinala que a concesionaria achegou ó Concello en 2004-2005 o “anteproxecto do Plan Director” e os “planos de rede”. Petición á que se sumou o PSOE. Tamén pediron os populares ampliar a información sobre os requirimentos feitos á empresa desde o inicio do contrato, sobre os expedientes sancionadores, e sobre as redes existentes e as que se foron ampliando.
Dende o PSOE preguntaron ademais sobre a situación da nova potabilizadora, contestando o Alcalde que “Fenosa non acaba de darlle subministración eléctrica”. Tamén pediron información sobre a acta de adscrición dos abastecementos de Moreda e Gullade.
O BNG solicitou que a Comisión teña acceso ó estudo económico que se fixo previamente á contratación e que, no caso de que non exista, que se diga. Tamén pediu que se amplíen aspectos do informe de Intervención sobre o ingreso do canon inicial (como se fixo, destino, investimentos frustrados,…), e sobre a compra de terreos e o expediente da mesma.
A petición de comparecencias ante a Comisión foi un tema do que se falou, pero quedou pendente de concretar en próximas reunións. A Comisión volverá celebrar sesión o luns día 7 de xullo e, de non ser posible, o martes día 8 de xullo.











