‘A Cidade dos Rapaces’ recibe o verán con dúas xornadas de actividades infantís na chaira do Parrote
O Concello, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa as actividades que se celebrarán o sábado, 28 de xuño, e o domingo día 29. A iniciativa, bautizada como A Cidade dos Rapaces, pretende dar a benvida ao verán e proporcionar un espazo de lecer para os máis pequenos durante as súas vacacións, dando continuidade aos 10 días de actividades infantís proxectados con motivo do San Juan en todos os barrios da cidade, xardíns de Méndez Núñez e praza de María Pita.
Nesta ocasión, as actividades trasládanse á chaira do Parrote que se converterá, durante dous días, nun espazo de xogo, maxia, teatro, cine, música e diversión para os máis pequenos; cumprindo cunha das prioridades do Goberno municipal e aproveitando un emprazamento único da cidade que ofrece infinidade de posibilidades, conta cun potencial extraordinario e pon a disposición dos veciños e visitantes 23.000 metros cadrados de espazo público. Para iso, e co obxectivo de que todos os cidadáns coñézano, o novo aparcadoiro do Parrote será gratuíto durante o fin de semana; en concreto, desde as 13.00 horas de mañá venres, cando se abrirá ao público, até as 24.00 horas do domingo.
Así, os días 28 e 29 de xuño, de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas, a chaira do Parrote acollerá unha proposta que inclúe microcine, microteatro e micromagia; danza, equilibrios e contorsión da man de Shakti Olaizola con Irrakurriz; maxia, con Charli Mag; ou a colocación de dúas grandes instalacións de xogos para nenos a partir de 4 anos (Cores de monstro, da compañía Tombs Creaticus); e para nenos até os 4 anos (Apicirc, da compañía Pessic de Circ). Ademais, é a primeira vez que a programación infantil en rúa ofrece actividades dirixidas a todos os nenos, incluídos o período de idade que vai desde os 0 aos 3 anos, dando resposta a unha demanda familiar que reclamaba este tipo de espectáculos.
En concreto, celebraranse as seguintes actividades:
>Cores de monstro, de Tombs Creaticus. Instalación de xogos de madeira a cargo de Carles Por, artista plástico, deseñador gráfico e realizador de cine de televisión.
>Apicirc, de Pessic de Circ. Un espazo de xogo e experimentación sensorial para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Instalación ambientada coa temática do circo e as abellas, ao redor de cinco domos para gozar en familia con obxectos, marionetas e xoguetes realizados artesanalmente.
>Puck Cinema Caravana, de Tombs Creaticus. Caravana convertida en sala de proxección na que caben sete persoas. O obxectivo é espertar a paixón polo cine de animación e o programa está composto por doce curtos, ideado para satisfacer un amplo espectro de idades. Os curtos teñen unha duración de 4 a 10 minutos.
>Sie7e, de Ymedioteatro. Teatro como unha seda con pouco máis de sete metros cadrados, 3 actores e 15 espectadores, durante non máis de dez minutos. Trátase dun innovador espectáculo para todos os públicos que fusiona o teatro de rúa co teatro de sala.
>A Petite Caravanne, de Adrián Conde. Orixinal teatro que pode albergar as máis variadas representacións: maxia, monicreques, teatro e sombras chinesas. Os espectáculos, de 12 minutos de duración, contarán con 25 espectadores.
>Espectáculo ao aire libre:
– Momentos máxicos, de Charlie Mag. Espectáculo de enxeño, humor e maxia.
– Irakurriz, de Shakti Olaizola. Accións e obxectos cotiáns converteranse en xogo por medio da voz, os equilibrios, a danza ou a contorsión.
>Pasarúas:
– Tam Tam, de Maduixa Creacións. Espectáculo de rúa que combina teatro e danza en altura a ritmos de tambores e música en directo. A utilización de zancos de gran altura e un orixinal vestiario fai que sexa un espectáculo visible por un gran número de persoas.
Desde a Concellaría de Cultura destácase ademais que o Concello xa incorporou o novo espazo á programación cultural da cidade, na mesma liña que se fixo con outros grandes escenarios ao aire libre como os xardíns de Méndez Núñez, os areais ou o parque de Santa Margarita.











