‘A Cidade dos Rapaces’ recibe con dous días de actividades infantís a chegada do verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá A Cidade dos Rapaces, a iniciativa que pon en marcha o Concello durante os días 28 e 29 de xuño, “dará a benvida ao verán e ás vacacións dos máis pequenos”, destacou a concelleira.

Así, A Cidade dos Rapaces dá continuidade aos 10 días de actividades infantís proxectados con motivo do San Juan en todos os barrios da cidade, ademais de nos xardíns de Méndez Núñez os días 21 e 22 de xuño e á gran festa de San Xoán Pequeniño que se celebra o día 24 na praza de María Pita. Nesta ocasión, trasládase á chaira de O Parrote que se converterá, durante dous días, nun espazo de xogo, maxia, teatro, cine, música e diversión para os máis pequenos.

“A programación infantil é unha das grandes prioridades deste Goberno municipal, por este motivo, non quixemos desaproveitar esta nova oportunidade que nos ofrece O Parrote, un espazo único da cidade que nos proporciona infinidade de posibilidades e que conta cun potencial extraordinario”, destacou Fernández, quen engadiu: “Queremos que os cidadáns poidan empezar a gozar de novo, despois de 7 anos, destes 23.000 metros cadrados de espazo público que se pon á súa disposición. E que mellor forma que facelo cunha programación deseñada para os máis pequenos da casa”.

Así, os días 28 e 29 de xuño, de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas, a chaira de O Parrote acollerá A cidade dos Rapaces, unha proposta que inclúe micro-cine, micro-teatro e micromagia; danza, equilibrios e contorsión da man de Shakti Olaizola con Irrakurriz; maxia, con Charli Mag; ou a colocación de dúas grandes instalacións de xogos para nenos a partir de 4 anos (Cores de monstro, da compañía Tombs Creaticus); e para nenos até os 4 anos (Apicirc, da compañía Pessic de Circ). “É a primeira vez que a programación infantil en rúa inclúe actividades dirixidas a todos os nenos, incluídos o período de idade que vai desde os 0 aos 3 anos, dando resposta a unha demanda familiar que reclamaba este tipo de espectáculos”, destacou.

En concreto, celebraranse as seguintes actividades:

Cores de monstro, de Tombs Creaticus. Instalación de xogos de madeira a cargo de Carles Por, artísta plástico, deseñador gráfico e realizador de cine de televisión.

Apicirc, de Pessic de Circ. Un espazo de xogo e experimentación sensorial para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Instalación ambientada coa temática do circo e as abellas ao redor de cinco domos para gozar en familia con obxectos, marionetas e xoguetes realizados artesanalmente.

Puck Cinema Caravana, de Tombs Creaticus. Caravana convertida en sala de proxección na que caben sete persoas. O obxectivo é espertar a paixón polo cine de animación e o programa está composto por doce curtos, ideado para satisfacer un amplo espectro de idades. Os curtos teñen unha duración de 4 a 10 minutos.

Sie7e, de Ymedioteatro. Teatro como unha seda con pouco máis de sete metros cadrados, 3 actores e 15 espectadores durante non máis de dez minutos. Trátase dun innovador espectáculo para todos os públicos que fusiona o teatro de rúa co teatro de sala.

La Petite Caravanne, de Adrián Conde. Orixinal teatro que pode albergar as máis variadas representacións: maxia, monicreques, teatro, sombras chinesas. Os espectáculos, de 12 minutos de duración, contarán con 25 espectadores.

Espectáculo ao aire libre:

– Momentos máxicos, de Charlie Mag. Espectáculo de enxeño, humor e maxia.

– Irakurriz, de Shakti Olaizola. Accións e obxectos cotiáns converteranse en xogo por medio da voz, os equilibrios, a danza ou a contorsión.

Pasacalles:

– Tam Tam, de Maduixa Creacións. Espectáculo de rúa que combina teatro e danza en altura a ritmos de tambores e música en directo. A utilización de zancos de gran altura e un orixinal vestiario fai que sexa un espectáculo visible por un gran número de persoas.

Ana Fernández lembrou que o Concello xa incorporou o novo espazo á oferta cultural da cidade. “Temos unha máxima clara: que a Cultura chegue a todos os veciños e a todos os barrios, de forma libre e gratuíta. Tamén quixemos recuperar espazos naturais que nos brinda a cidade e que se convertemos en grandes escenarios ao aire libre como os xardíns de Méndez Núñez, os areais ou o parque de Santa Margarita. É obvio que non imos deixar pasar unha oportunidade como esta e comezar a programar xa neste marco incomparable”.

ACTIVIDADES INFANTÍS SAN JUAN

A tenente de alcalde tamén lembrou que entre o 15 e 24 de xuño toda a cidade contará con programación infantil con motivo das festas de San Juan. En concreto haberá pasarúas en Novo Mesoiro, Os Mallos, Parque de Oza, Rúa Barcelona, Obelisco, parque de Eirís, praza de Casares Quiroga e A Gaiteira. Ademais, a proposta infantil inclúe dous espectáculos, un de maxia e outro de humor, que se irán alternando polos barrios de praza Elíptica, praza de Mariñeiros, praza de Lugo, praza de Pablo Igrexas, parque Europa, parque de San Diego, Feáns e parque de Vioño.

Durante o fin de semana do 21 e 22 de xuño, de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas, os Xardíns de Méndez Núñez, acollerán unha gran festa coa presenza de dúas das compañías máis recoñecidas no que respecta a programación infantil: Lex Festijeux, co seu espectáculo La Cocinita sabrosa, e Galiot Teatre, cos Monicreques.

Por último, a gran festa celebrarase o día de San Juan na praza de María Pita. Así, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, sucederanse infinidade de actividades encabezadas por unha das bandas con maior repercusión no panorama infantil a nivel nacional: Petit Pop, un grupo de música infantil formado por coñecidas integrantes de grupos como Pauline na Praia, Nosoträsh, Undershakers ou Edwin Moses. Tamén estará Magín Branco con O País das apertas, un dos discos infantís máis vendidos en Galicia; o grupo de música Os tres TENedORES co seu novo espectáculo O cocido sinfónico; e María Fumac,a, liderada pola cantante Uxía. Ademais da música, tamén será unha xornada con espectáculos de distintas artes escénicas como o circo ou teatro de rúa con xigantes e cabezudos; actividades complementarias, xogos populares e espazos pensados para o descanso dos máis pequenos; e zonas de xogo continuado.

6 de xuño de 2014 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.