A Casa da Cultura de Cangas amplía o horario de apertura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Coa colaboración de parte do persoal da área de cultura, as instalacións da Casa da Cultura de Cangas, levan 15 días abrindo 12 horas máis á semana coincidindo cos exames de selectividade e as convocatorias de xuño e xullo nas Universidades.

Esta ampliación do horario responde a unha antiga petición dos estudantes que demandaban máis espazos de estudo e aumento dos horarios das instalacións dedicadas a este fin. A Concellería de Cultura, Educación, Deporte e Voluntariado do Concello de Cangas, tendo en conta estas reivindicacións , organizou un reforzo do horario que estará vixente ata o 12 de xullo. A iniciativa, que   xa vai polo medio mes de funcionamento, está sendo moi positiva, cunha gran afluencia de estudantes facendo uso das instalacións.

Deste xeito, se ben en horario habitual a Casa da Cultura fechaba as súas portas ás 21:20 de luns a venres, ata o 12 de xullo, o horario de feche nestes días será as 22:30. Cabe destacar a ampliación do horario na fin de semana, xa que se de xeito habitual as instalacións estaban abertas os sábados entre as 10:00 e ás 13:00 e ata o 12 de xullo a Casa da Cultura abrirá tamén pola tarde das 16:30 ás 22:30.

En canto á organización dos horarios de apertura e feche fora do horario habitual, dende a Concellería de Cultura, Educación, Xuventude e Voluntariado, estableceuse un cronograma con parte do persoal da Casa da Cultura, persoal do resto de bibliotecas do concello e de outras areas, creando un sistema de quendas. Isto posibilita que se satisfagan as necesidades dos usuarios sen menoscabar a calidade do servizo.

O Concelleiro de Educación e Cultura quere resaltar a gran cantidade de usuarios que durante estas dúas primeiras semanas de horario reforzado asistiron á Casa da Cultura, cunha gran afluencia que a primeira tarde de sábado na que estivo aberta.

5 de xuño de 2014 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.