A Carballeira de Francos acollerá a II Feira da Terra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioTeo
A-
A+

A carballeira de Francos acolle este domingo 8 de xuño a II Feira da Terra, unha iniciativa da Asociación A Carballeira que conta coa colaboración do Concello de Teo. Segundo explican dende a organización trátase dunha feira pensada dende grupos e cooperativas de Teo e concellos limítrofes, “que quere ser un espazo de intercomunicación e intercambio de ideas, produtos, sabores, olores, paisaxes…” e sobre todo “busca ofrecer un día de lecer, desfrutando dun espazo singular como é a carballeira do San Martiño.

A feira da terra funcionará dende media mañá e haberá mercado con diversos postos de horta, alimentación, artesanía. A maiores destes postos de compra venda haberá un amplo espazo de animación con obradoiros, xogos tradicionais, cabalos e actuacións musicais… Na parte máis lúdica contarán coa actuación do grupo de música tradicional A Rexionalista; regueifas con “Triroliro”, a charanga “Pola corda” e o dúo “Eva e Camilo” que tocarán ata a tardiña.

O Departamento de Benestar programou diversas actividades no marco da feira da terra. Na véspera, o sábado 7 ás 21:30 horas na escola de Francos, haberá un contacontos. Santi Prieto e Vero Rilo presentan os Contosdaboapipa, con “música e historias de vida, guerra, amor e case morte” segundo explican os propios contadores. A entrada é de balde.

Durante a mañá do domingo está programado un roteiro pola zona de Francos con visita prevista ao Castro Lupario que ademais está adaptado para persoas xordas xa que acompañará aos participantes un intérprete de linguaxe de signos. Este roteiro faise en colaboración coa Asociación de persoas xordas de Santiago de Compostela. Para participar non é preciso anotarse. Só hai que estar pola zona da escola ó redor das 11:00 horas e ir preparados para andar sobre dúas horas. O nivel de dificultade do roteiro é baixo.

No marco da Feira da Terra tamén se programou a Feira local de segunda man, na que haberá case vinte postos de asociacións e particulares, que venderán produtos usados. Nestes postos, que funcionarán entre as 12:00 e as 18:00 horas poderemos atopar dende libros, xoguetes, obxectos de menaxe ou decoración…que ademais se poderán mercar a prezos reducidos. As persoas interesadas en participar na feira de segunda man poden anotarse aínda chamando aos teléfonos do Concello de Teo 981 809 707 ou ao 981 815 700.

4 de xuño de 2014 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.