A campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor” chega a Soutomaior
No desafío da concienciación cidadá ao redor da xestión sustentable dos residuos urbanos e a necesidade da reciclaxe, os máis pequenos xogan un papel fundamental á hora de promover entre as familias esta responsabilidade. Con esta intención o Concello de Soutomaior solicitou unirse ao programa “Separemos ben, reciclaremos mellor”, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración con Sogama. Unha campaña que este venres chega a Arcade para concienciar a todos os veciños, pero especialmente aos nenos, da necesidade de reciclar e ser respectuosos co medio ambiente.
As actividades comezarán ás 10:00 da mañá na alameda Talo Río de Arcade onde un grupo de monitores especializados proporá aos pequenos unha serie de xogos e talleres para fomentar o desenvolvemento de prácticas responsables co medio ambiente facendo especial fincapé en aprender a realizar unha correcta separación dos residuos nos distintos colectores. Ao finalizar todos os participantes, así como os maiores que se acheguen e desexen aprender máis sobre a reciclaxe, veranse premiados con material divulgativo e outros obsequios para agradecerlles a súa colaboración na campaña. “Aínda que as cifras de reciclaxe en Soutoamior son moi boas, sempre son mellorables”, confesa o alcalde, Agustín Reguera, que destaca a importancia deste tipo de actividades.
Iniciada en xullo de 2013, a campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor” concluirá este mes tras percorrer practicamente todos os concellos de Galicia que solicitaron participar co obxectivo de aprender a reciclar máis e mellor.











