A Axencia de Turismo de Galicia concede unha subvención a Cangas pola Semana Santa 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasLocal Portada
A-
A+

A Axencia de Turismo de Galicia ven de conceder ao Concello de Cangas unha subvención por valor de 3.365 euros ao abeiro do réxime de concesión de axudas aos concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de Interese Turístico de Galicia.

Grazas a esta axuda o goberno local poderá sufragar parte dos gastos municipais da Semana Santa 2014. O orzamento desta subvención servirá para facer fronte a custos de promoción (cartelería, folletos) e ás actuacións que diversas bandas locais realizaron durante as celebracións relixiosas e as procesións.

Co recoñecemento de “Festa de Interese Turístico de Galicia” a Semana Santa de Cangas é un dos principais reclamos turísticos do municipio fóra dos meses de verán. Con un amplo programa de actos relixiosos e procesións, nas que se poden observar figuras articuladas, algunhas de máis de 200 anos de antigüidade.

A Semana Santa 2014 estivo caracterizada pola elevada afluencia de visitantes. Ademais dos veciños e veciñas do municipio e os seus arredores e os xa habituais, este ano case 700 persoas pasaron pola Oficina Municipal de Turismo durante dos dez días que durou a festividade, triplicando o número de visitantes de 2013, ademais de rexistrarse unha ocupación hoteleira do 70%.

Dende a concellería de Turismo, a súa responsable Berta Pérez, quere sinalar a importancia que ten esta axuda concedida pola Axencia de Turismo de Galicia e manifestar o seu agradecemento á Secretaria Xeral de Turismo, Nava Castro “por entender a importancia que a nosa Semana Santa ten no noso municipio e por apoiala”.

20 de xuño de 2014 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.