A Autoridade Portuaria de Vigo participa na feira Transport & Logistics en Shanghai
A directora da Autoridade Portuaria de Vigo, Beatriz Colunga, desprazouse estes días a Xangai onde participa, xunto a unha nutrida delegación española apoiada polo Organismo Público dependente do Ministerio de Fomento, Portos do Estado, e empresas do sector, na feira Transport & Logistics China 2014, que se celebra na cidade portuaria de Xangai entre os días 17 e 19 de xuño.
Situados no expositor de Portos do Estado baixo o nome “Ports of Spain”, esta será a primeira ocasión en que portos e empresas españolas se presenten de maneira conxunta na maior feira do sector que se celebra en toda Asia, con máis de 25.000 m2 de exposición e a presenza de 500 expositores internacionais e máis de 15.000 visitantes profesionais.
A misión comercial española, integrada por representantes de Portos do Estado e dos portos de Bahía de Alxeciras, Barcelona, Bilbao, Ferrol, Huelva, Tarragona, Valencia e Vigo, ademais dun total de seis empresas do sector, ten como principais obxectivos transmitir unha imaxe sólida de apoio institucional español ao desenvolvemento do sector marítimo, portuario e loxístico, e, por outro, dar a coñecer ao mercado chinés e asiático, os portos españois, co fin de lograr enlaces sólidos, estables e duradeiros que permitan incrementar as relacións entre empresas españolas e chinesas relacionadas co sector portuario, aproveitando desta forma a puxanza económica de China para así atraer novo tráfico e actividade de valor engadido aos portos españois.
De feito, a Directora da dársena viguesa mantivo estes días unha apertada axenda con diversas empresas transitarias e de loxística, ademais de con axentes e navieras.
Relacións comerciais
Durante 2013, o tráfico de mercadorías entre os portos de Vigo e China ascendeu a preto de 142.000 toneladas, das que algo máis de 100.000 toneladas foron desembarcadas na dársena viguesa e outras 40.000 toneladas exportadas aos portos chineses. O valor destes intercambios comerciais superou a cifra de 430 millóns de euros.
Entre as mercadorías máis destacadas nestes intercambios comerciais, atópanse tráficos como o da pesca conxelada -36.000 toneladas-, metais e os seus manufacturas -16.000 toneladas- e maquinaria, con algo máis de 10.500 toneladas.
Así mesmo, o movemento de TEU’s entre os portos de Vigo e China ascendeu a máis de 12.100 TEU’s durante o pasado exercicio, dos que algo máis de 9.700 foron desembarcados na terminal olívica e outros 2.500 cargados con destino China. O porto de Xangai sitúase á cabeza das terminais chinesas nestes intercambios, con máis de 4.700 TEU’s movidos en 2013, na súa gran maioría desembarcados en Vigo, xunto a outras terminais como Ningbo -2.000 TEUs- e Qingdao -1.400 TEUs-, aínda que é certo que Vigo mantén na actualidade relación comercial con aproximadamente 40 portos chineses.
Esta misión comercial enmárcase no Plan Estratéxico de Internacionalización da Economía Española 2014-2015. Con motivo da súa participación nesta feira, a delegación española foi convidada as autoridades chinesas a realizar unha visita institucional ao Porto de Xangai, primeiro porto do mundo en movemento de colectores e que, recentemente visitou as instalacións do Porto Pesqueiro vigués, líder mundial en tráfico de pesca para consumo humano.











