A aula de Emprego do Plan Urbana-C pecha trimestre con 103 itinerarios, 24 talleres e 732 persoas atendidas
A aula de Emprego do Plan Urbana-C, deseñada pola Concellaría de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid para reactivar o Agra do Orzán, atendeu desde a súa apertura, o pasado mes de marzo, a un total de 732 persoas e puxo en marcha 103 itinerarios de inserción laboral totalmente personalizados, 24 talleres formativos e máis de 200 entrevistas de orientación laboral.
As cifras forman parte do balance do primeiro trimestre de actividade, que inclúe accións de información, asesoramento e formación dirixidas aos desempregados do barrio e deseñadas á carta para os usuarios. Na presentación, Cid explicou que o principal obxectivo da aula de Emprego é aplicar estratexias eficaces nos procesos de procura de emprego con seguimentos diarios das ofertas laborais. “Trátase de levar ao desempregado da man, de analizar o seu perfil e, en función do mesmo, localizar aqueles sectores do mercado onde hai máis posibilidades de atopar un posto de traballo”, dixo a edil.
Entre as actividades realizadas entre marzo e xuño na aula de Emprego destacan as seguintes:
– 24 talleres formativos con 425 matriculados: os alumnos aprenden que recursos teñen para inserirse no mercado laboral sempre en función do seu perfil. Un dos principais obxectivos é saber como buscar ofertas de emprego da man das novas tecnoloxías.
– 212 entrevistas de orientación: o obxectivo é obter unha ampla información sobre a formación, experiencia e obxectivos profesionais do usuario. Analizados estes factores, a técnicos da aula de Emprego definen o nivel de empleabilidad de cada persoa para determinar as súas opcións para orientalo no proceso de inserción laboral.
– 103 itinerarios personalizados e 22 insercións laborais: os itinerarios realízanse en función das necesidades detectadas nas entrevistas e seguimentos e trabállase na adquisición de competencias profesionais e habilidades que faciliten o acceso ao mercado laboral. Cid destacou que no primeiros tres meses xa se alcanzaron case 25 insercións.
– Informática: os usuarios adquiren coñecementos sobre as novas tecnoloxías para enfrontarse con éxito aos procesos de selección e ás entrevistas de traballo onde o dominio de internet é fundamental. A técnicos da aula de Emprego realizan simulacións para que os alumnos poidan superar este tipo de probas.
– 36 cursos online: ademais das tutorías presenciais, a aula de Emprego imparte cursos online. Até o momento puxo en marcha 36 cursos con 122 alumnos inscritos.
Luisa Cid indicou que a aula de Emprego incorpora un novo sistema de traballo no que os técnicos participan de forma activa nos procesos de procura de emprego axudando aos usuarios en todo o proceso a través dun seguimento personalizado. Así mesmo, lembrou que o centro ten un horario amplo “para dar servizo a todos”, tanto a desempregados como a persoas con cargas familiares ou con traballo que desexan mellorar a súa situación laboral.
O centro, situado no número 20 da avenida de Peruleiro, está formado por un equipo de 13 expertos (entre eles 8 orientadores laborais e dous community manager) e abre de luns a venres de forma ininterrompida de 09.00 a 21.00 horas, ademais dos sábados pola mañá (de 10.00 a 14.00 horas). As persoas interesadas nos servizos da aula de Emprego poden acudir ás oficinas ou chamar ao número de teléfono 881 96 66 68 para solicitar unha cita. Toda a información está dispoñible en www.aulaempleourban.org, onde o usuario ten á súa disposición outras accións do programa Urbana-C, como Substitución Xeracional, Tendas a Exame ou Escola de Emprendedores.
A aula de Emprego ten un orzamento de 600.000 euros e desenvólvese no marco do Plan Urbana-C, o proxecto de rexeneración integral urbana do Agra do Orzán, impulsado polo Concello e a Unión Europea, que achega o 80% a través de fondos Feder.











